The Rapants leva «A máquina do bo rolo» a Barcelona, Madrid, León e Valladolid
BARBANZA

A banda de Muros leva case 30 concertos este ano
10 sep 2025 . Actualizado á 14:58 h.A máquina do bo rolo, a xira do grupo musical The Rapants, continuará por distintos puntos de España antes de chegar ao seu fin. Despois de ofrecer case 30 concertos no que vai de ano, os muradáns visitarán, entre outras cidades, León, Barcelona, Valladolid e Madrid da man da iniciativa AIE-Artistas en Ruta.
Desde o inicio da xira, que tivo lugar en xaneiro, o cuarteto de Muros ofreceu actuacións memorables en citas como O Son do Camiño, Atardecer non Gaiás ou as festas da Peregrina, en Pontevedra. Pero antes de aparcar os instrumentos ata o ano que vén, a formación visitará, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, León (19 de setembro), Barcelona (25 de outubro), Valladolid (13 de novembro) e Madrid (15 de novembro). As entradas xa están á venda a través da páxina web www.therapants.es.
Ademais destes concertos previstos para o outono en salas de fóra de Galicia, The Rapants ofrecerá as últimas actuacións desta xira en distintas localidades galegas e asturianas. Estará nos festivais Revenidas de Vilaxoán, Peregrino de Baio, Caudal Fest de Lugo ou O Castañazo de Chantada, a última cita do ano en Galicia.