Sete anos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Efectivos de la UME en el incendio de Laza.
Efectivos de la UME en el incendio de Laza.

10 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres o oriente de Galicia se consumía nas chamas a mediados de agosto, na costa occidental mirabamos o espectáculo desde o recordo do que xa temos vivido moitas veces: as secuencias tremendas de incendios de verán nos montes que rodean o noso litoral, como os de Barbanza ou do Salnés, os que baixan ata a ría de Muros, Carnota e máis alá. Desta volta non nos tocaron, pensamos, pero podería ter sucedido. Moita xente manexa o fatídico número do sete. «Aquí toca cada sete anos», din.

Non puiden verificar se o dato é certo, pero ese número neste país ten algo de especial. No alto de Barbanza, aló no Outeiro Redondo, as lendas falan da mina dos sete reinados. E en moito do abundante folclore da galiña con pitos de ouro, a rolada sempre está formada por sete polos. O sete parecería unha maldición máxica, pero ten que ver cos ciclos de crecemento forestal e arbustivo. Sexan sete, seis ou oito, o certo é que os grandes lumes das nosas comarcas chegan cíclicos.

Desta volta, os expertos coinciden en sinalar que estamos entrando nunha nova fase dos incendios: máis grandes, máis agresivos e máis perigosos para a xente. Lembremos as numerosas casas queimadas de Valdeorras. Eu pregúntome se, vendo o que estamos vendo e sabendo que nos vai tocar para o vindeiro ano ou o seguinte, que medidas estamos a tomar. Como se vai prever. De que xeito administracións, comunidades e veciños nos prepararemos para evitar unha desgraza e reducir o impacto. Aquí, aínda que pase o día, non pasa a romaría.