Pasos solidarios en Aguiño para frear o cancro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A AECC de Ribeira quixo enxalzar o exemplo do patrón maior, José Antonio Santamaría, na loita contra a enfermidade

07 sep 2025 . Actualizado á 20:56 h.

Non foron nin decenas, nin centenares, senón miles os pasos que se deron en Aguiño nunha nova camiñada solidaria organizada pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que reuniu a ao redor de trescentos participantes e que tivo un protagonista, o patrón maior da confraría, José Antonio Santamaría.

Acaba de superar un tumor, «e foi un exemplo de como vencer á enfermidade e seguir traballando. Hai veces que os pacientes afunden, pero el sacou forzas para todo e gañou a batalla», destacou María José Carreira, presidenta da AECC en Ribeira, que estivo acompañada na homenaxe por outros membros da directiva e polo concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.

O percorrido da camiñada solidaria partiu de diante da confraría para logo percorrer toda a fachada marítima polo paseo ata chegar a Punta Couso, e logo tomar o camiño de regreso pola mesma ruta e completar uns cinco quilómetros.

Ao finalizar a andaina, celebrouse un sorteo con decenas de agasallos que foron doados por practicamente todas as empresas que teñen a súa sede en Aguiño, «desde as grandes ás pequenas», resaltou Carreira.