Bruno Iglesias, Diego Fernández e Nico Sampedro venceron na Regata Gadis en Ribeira
BARBANZA

Ramiro Carregal anunciou durante a entrega de premios a creación dunha nova escola de vela
07 sep 2025 . Actualizado á 20:59 h.A Regata Gadis congregou na praia de Coroso a preto de medio centenar de mozos promesas da vela barbancesa. Regatistas na súa maioría del Club Náutico Deportivo de Ribeira, pero tamén do Real de Portosín e a Escola Náutico Deportiva de Boiro, que debutaba en competición con Iván Gacio e Manuel Trasbach, competiron durante dúas xornadas no areal da capital barbancesa nunha cita que puxo no mar a deportistas de tres categorías: optimist escola, optimist e ILCA 4.
Moito nivel o demostrado polos participantes na Regata Gadis, deixando claro que hai futuro. Entre os máis pequenos reinou Nico Sampedro, do Náutico de Ribeira, que do mesmo xeito que fixo na xornada do sábado, este domingo seguiu dominando para levarse a vitoria final. No podio tamén estiveron os seus compañeiros de equipo Valeria Serrano e Teo Pego, que tamén lograron manter os postos que ocuparon tras o primeiro día de competición.
Os representantes da Escola Náutico Deportiva de Boiro realizaron un gran papel na súa primeira regata. Iván Gacio conseguiu escalar ata a quinta praza da xeral, mentres que Manuela Trasbach asinou unha moi meritoria sétima posición no seu debut.
Onde si houbo movementos na clasificación final con respecto ao sábado foi na clase optimist, onde o Real Club Náutico de Portosín demostrou o seu potencial ao copar os catro primeiros postos da táboa. Alonso Ons partía con vantaxe ao estar no máis alto, pero finalmente tivo que conformarse co terceiro caixón do podio xa que foi superado por Diego Fernández e Alejandro Ferrín.
O que non deu opción aos seus rivais foi Bruno Iglesias en ILCA 4. O do Club Náutico de Ribeira foi o mellor nos seis mangas que se disputaron durante a fin de semana e, en consecuencia, fíxose co triunfo da clase na Regata Gadis. Si que houbo variacións nas outras dúas posicións de honra, xa que Enzo Ferrón logrou remontar para escalar ao segundo banzo, facendo que, por tan só un punto, Daniel Iglesias finalmente ocupase o terceiro.
Nova escola
Os premios entregáronse nas instalacións do Club Náutico Deportivo de Ribeira. O acto contou coa presenza do presidente de honra da entidade, Ramiro Carregal, quen na súa intervención felicitou aos participantes da proba.
Ademais, Carregal tamén anunciou a creación dunha nova escola de vela, mellorando as prestacións da actual respecto ás súas instalacións. Acompañáronlle o presidente do Náutico, José Luis Torres Colomer, e o delegado de Gadisa en Ribeira, Luis Vázquez, ademais doutras personalidades.