Jesús Maneiro: «A xente de mar sabemos o tributo que toca pagar»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

Un himno dedicado á patroa dos mariñeiros é unha das grandes novidades dos festexos deste ano, que manteñen a tradición da procesión e os cabezudos

15 ago 2025 . Actualizado a las 17:37 h.

O ano pasado houbo un cambio substancial na organización das festas do Carme dos Pincheiros ao ser o Concello da Pobra o encargado de asumir a maior parte do programa, mentres que a comisión se fixo cargo unicamente dos actos do domingo. Porén, desta volta as tornas volven mudar e o equipo encabezado por Jesús Maneiro decidiu coller as rendas das celebracións. Ás súas costas teñen xa unha década de traballo e os anos comezan a pesar, pero polo momento pensan continuar traballando pola súa patroa: «Non gusta que se perdan estas tradicións».

—Este ano decidiron volver a coller as rendas da organización das festas.

—Si, decidimos facer como foi sempre, facer nós as festas, como fixeron antes os nosos pais e os nosos avós. Para iso está a comisión. Menos dous rapaces que levan con nós un par de anos xa somos todos xubilados e algún día deixaremos, pero polo momento seguimos. Todos estamos vinculados ao mar, se non honras á túa patroa mal imos.

—Como conseguiron os fondos necesarios para sacar adiante a festa?

—Fomos pedir por todo o pobo, o Concello deunos 35.000 euros e fomos facendo cousas para recadar fondos: fixemos unha sardiñada, algunha excusión, vendemos lotería... De aí fomos sumando pouco a pouco. Se tes cartos fas festas, se tes poucos hai que arrombarse co que hai.

—A veciñanza colaborou na petitoria que fixeron polo pobo?

—Si, a xente pórtase. Tiñamos algún reparo por como respondería a xente despois de non pedir nestes últimos anos, pero o pobo respondeu. Quixemos facer nós a festa como comisión e buscamos a maneira, e seguiremos facendo así, para o ano se non se fan tres días, fanse dous.

—É moi difícil manter unha programación de tantos días?

—É complicado, as orquestras valen moi caras. Antes traíamos cinco orquestras para tres días de festa, pero agora co presuposto de cinco podemos traer unha, os prezos vanse.

—Dicía que os membros da comisión son xente de mar, o domingo dos Pincheiros será especial para vostede.

—Claro. Son moitos anos sufrindo o mar e podémolo contar, outros non, por iso a nós nos tira tanto a Virxe do Carme. O momento da procesión, cando os banderíns da Banda Militar da Brilat, renden honores á Virxe emociónache, pensas onde estás e onde poderíamos estar. Os que somos de mar sabemos do tributo que toca pagar, moitos non volveron. Este ano ademais imos estrear un himnos dos Pincheiros. Hai un chaval que canta e fixo os arranxos dun poema que se fixo para unha canción e ímola poñer o domingo pola mañá por primeira vez. Todo isto é moi emotivo, a mín isto móveme, víovoo, e mentres poida vou seguir vivíndoo.

—Que outros actos destacaría do programa das festas?

—O forte dos festexos son os cabezudos, a xente está esperando ao terceiro domingo de agosto para ir os pais e os avós cos cativos polo pobo esperando para ver os cabezudos. Xente da Pobra pero tamén de fóra. E logo están os San Juerguines, coidadiño con eles. Deixámoslle a organización aos chavales e foron collendo moita fama, vén moita xente.

—Están preparados xa os cabezudos para saír pola vila?

—Están, hainos que arranxar todos os anos e iso é un mantemento que vale uns cartos. Este ano a Eliseo, que o xigante, o pincheiro, tivemos que mandalo a Cataluña a reparar e valeulle os seus cartos á confraría do Carme o amaño. Pero os xigantes e cabezudos son o emblema das festas do Carme dos Pincheiros e hai que manter a traición.

—Hai moita devoción pola patroa dos mariñeiros?

—Si que hai, na procesión somos 60 homes e mulleres que portean a Virxe por quendas. Este ano tócalle ás mulleres facer a ofrenda, son fillas e netas de mariñeiros e tamén teñen o mar moi arraigado. E hai outro grupo de mulleres que se encarga de adornar o arco de flores do Carme, levan moitísimos anos.