
O que máis e o que menos mira con preocupación ao monte
11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A referencia non é apta para os integrantes da xeración z e posteriores —basicamente porque son moi novos para ter vivido a época dourada da programación infantil na TVG—, pero xa o dicían os Yellow Pixoliñas no Xabarín Club: onde hai lume, hai fume. Telexornal foi un deses himnos que cantaba a rapazada cada tarde diante da tele. Xa daquela, nos anos 90, os incendios eran noticia cada verán, no informativo ficticio da banda de Monforte e nos de verdade. E nestes días nos que aparecen columnas de fume en cada esquina volve á miña mente esa melodía.
Había un tempo que non desfrutabamos dun verán tan caloroso e seco coma este, así que o que máis e o que menos mira con preocupación ao monte, sabedores de que en calquera momento pode prender a chama e, co vento propicio, estenderse sen control arrasando con todo. Vivímolo moitas veces. E polo que se ve estamos resignados a que así sexa, porque una vez que comeza a arder o lume é imparable, alimentado polo combustible natural que medra sen control. Porque, ao final, coxeamos sempre da mesma perna: a prevención.
A tarefa de manter montes e fincas limpos de maleza é titánica, inabarcable nun momento no que o monte e o agro quedaron relegados, salvo no caso de comunidades de montes exemplares. O estrume xa non fai falta nin é preciso plantar millo nin patacas para o consumo propio ou dos animais. Non temos tempo nin ganas de asumir o traballo duro nas leiras ao final da xornada laboral pola que cobramos unha nómina. As terras xa non valen nada. En consecuencia, todo é abandono, mentres miramos ao monte rezando para que non prenda.