Renacer pon en marcha na Dorna a campaña «Naveja sejuro, sempre chuvasqueiro»

La Voz

BARBANZA

Carmela queijeiro

A iniciativa inclúe o reparto gratuíto de dous mil preservativos e busca concienciar sobre as infeccións de transmisión sexual

18 jul 2025 . Actualizado a las 14:24 h.

Naveja sejuro, sempre chuvasqueiro é o lema da campaña de sexo seguro que a asociación Renacer desenvolverá, en colaboración coa Cofradía da Dorna, durante as actividades da singradura número 77 que este venres comezou en Ribeira. A iniciativa inclúe o reparto gratuíto de 2.000 preservativos, que estarán a disposición do público nos postos de venta de produtos dorneiros e nos establecementos hostaleiros, e que levan unadhesivo alusivo a campaña.

Con esta iniciativa preténdese concienciar e sensibilizar á poboación de que as infeccións de transmisión sexual «non son enfermidades do pasado; de feito o Centro Nacional de Epidemioloxía das Infeccións de Transmisión Sexual en España, detectou como a infección gonocócica creceu nun 42 % e a sífilis nun 24,1 %», destacaron desde Renacer. A asociación tamén busca contribuir a disminuir a incidencia das prácticas sexuais de risco evitando embarazos non desexados.

A campaña deste ano complementa o traballo das edicións anteriores coa difusión da mesma nas redes sociais para espertar o interese da poboación, en especial na mocidade, promovendo accións preventivas e que poidan chegar a interiorizar o lema do que se parte como unha expresión da festa e lanzar a mensaxe de que calquera contacto ou actividade sexual debe ser acordada libre, voluntaria e claramente por ambas partes.

A prevención do VIH e outras infeccións de transmisión sexual constitúen unha das prioridades de Renacer e como complemento ás actividades que habitualmente se levan a cabo, ofrécese a posibilidade de facer a proba rápida de detección do VIH e presenza do virus da hepatite C (VHC), incluída no Plan Galego anti VIH/Sida e outras enfermidades de transmisión sexual. A realización deste tipo de probas é moi importante pois son moitas as persoas que estando infectadas o descoñecen podendo, o retraso no diagnóstico, ter consecuencias individuais e colectivas negativas.  Para que os resultados das probas sexan fiables, teñen que facerse como mínimo tres meses despois de ter a práctica de risco, xa que é o tempo que transcorre desde que se produce o contaxio ata que se producen os anticorpos do virus. Estas probas realízanse de forma gratuíta, voluntaria e confidencial, sendo especialmente recomendables para aquelas persoas que teñan calquer sospeita logo de manter relacións sexuais sen preservativo ou compartir algún tipo de material de inxección ou cortante.