
O peso do marisqueo local pódese constatar no traballo de Antón Gallardo «Forxadoras de porvir. Historia e experiencias de vida de mulleres dun concello da beiramar arousá. Boiro (1836-1975)»
05 jul 2025 . Actualizado a las 18:57 h.O incremento do número de conserveiras en todo o litoral arousán, entre os anos cincuenta e sesenta do pasado século XX, facilitou que o marisco recollido nos seus areais atopara fácil saída no mercado. A inxente demanda de berberechos e ameixas por parte da industria plasmouse na súa cotización. Nada tiña que ver este momento, no que o marisco gozaba de consideración social e consumilo constituía un signo de boa posición, co dos tempos da posguerra e aínda anteriores, cando se tiña por un alimento de pouca categoría e consumido polas capas inferiores da sociedade.
A facilidade de venda e os prezos á alza redundaron na intensificación da explotación dos bancos naturais, cun destacado protagonismo feminino nas secas da ribeira, pero tamén con presenza de homes e rapazada, e incluso familias enteiras.
Cando ao comezo do outono as autoridades levantaban a veda, os areais ofrecían unha fermosa estampa, con xente rastreando a area, a pé ou a flote, en busca das prezadas ameixas e berberechos.
Plasmada mesmo en postais turísticas, esta pintoresca imaxe agochaba un traballo dunha gran dureza. Realizado entre o outono e o inverno, os de maior crueza climatolóxica, a xente da ribeira estaba sometida a unhas condicións laborais adversas, derivadas da humidade persistente do entorno, a salinidade, a exposición solar e as temperaturas extremas. Ademais, a esixencia física era moita, tanto para os de a flote, co rastreo a brazo dende a embarcación, como aínda máis se cabe para as mariscadoras a pé, esforzadas tanto na extracción, sempre co lombo dobrado rastreando a area cos seus ferranchos, angazos ou sachos, como no traslado dos pesados cestos e sacos coas capturas.
Roupa inadecuada
Carentes de roupa axeitada e, moitas veces, tamén de calzado, sen posibilidade de protexerse dos rigores das condicións meteorolóxicas e realizando esforzos físicos continuados, estas mulleres acababan sufrindo problemas de saúde, reflectidos sobre todo en doenzas de ósos e músculos.
Porén, a dureza do marisqueo e as súas posibles secuelas para a saúde non supoñían un freo para as humildes mulleres que acudían a traballar á ribeira levadas pola necesidade imperiosa de ganar o sustento. A diferenza do traballo nas conserveiras, serradoiros ou cerámicas e, xa andados os anos sesenta, na industria téxtil, o marisqueo posibilitaba ás mulleres boirenses autonomía laboral e xornadas sen a abafante presión de capataces e patróns. E aínda sendo un traballo sometido á temporalidade a causa das vedas e factores como o mal tempo, supoñía para elas uns ingresos remuneradores.
Ademais do colectivo mariscador, da riqueza saída da ribeira beneficiábanse moitos outros colectivos: os fabricantes de conserva e o sector depurador e, por extensión, o persoal por estes empregado, os compradores-exportadores en fresco, os transportistas, as vendedoras polo miúdo das prazas e mercados, e os establecementos de restauración.
Os datos oficiais desvelan que dos areais do distrito marítimo d’A Pobra do Caramiñal —comprendido polo litoral d’A Pobra e a maioría do de Palmeira e Boiro—, sacáronse en 1958 máis de 705 toneladas de berberecho e arredor de 63 de ameixa, xunto a unhas 8 de navalla. Eran cifras que convertían a esta demarcación na de maior rendemento da costa da provincia coruñesa en canto á extracción de berberecho e navalla, e a segunda en ameixa despois do distrito d’A Coruña.
Principal área
Cos seus 35 quilómetros de costa, extensos areais bañados por augas mainas como Barraña, Carregueiros, A Retorta, A Ladeira, Triñáns ou Mañóns e un numeroso colectivo marisqueiro, Boiro constituía a principal área de extracción de bivalvos da demarcación d’O Caramiñal e unha das máis importantes da ría d’A Arousa. Segundo datos aportados por Pérez de Guzmán (1974) a partir dos censos anuais das confrarías, no tránsito dos anos sesenta aos setenta, Boiro contaba con 300 mariscadores de primeira; isto é, con carné para mariscar tanto a flote como a pé, e explotar viveiros e parques; e 700 de segunda, limitados ao marisqueo a pé. En total 1.000 persoas habilitadas oficialmente para traballar no sector, cunha gran maioría de mulleres.
Se ben, no que respecta aos mariscadores de primeira, Boiro-Cabo da Cruz ocupaba o sexto lugar das dez confrarías da ría d’Arousa, en canto aos de segunda só era superada por O’Grove, que contaba con 1.100 carnés.
No cómputo total, a boirense era a quinta confraría en número de mariscadores, a escasa distancia de Carril (1.075) e a Illa d’A Arousa (1.150).