José Ramón Romero, alcalde de Boiro: «Fomos os grandes abandeirados das bandas tributo»

BARBANZA

O rexedor anima a veciños e visitantes a gozar dunhas festas con actividades «para todos» que se descentralizan en distintos emprazamentos
05 jul 2025 . Actualizado a las 18:57 h.Boiro da o pistoletazo de saída ás festas do verán na comarca, e faino cunha ampla programación dirixida a público de todas as idades que encherá as rúas do municipio do 4 ao 9 de xullo. O alcalde, José Ramón Romero, fai fincapé no acerto que supuxo a decisión do seu goberno de descentralizar as actividades, que agora se desenvolven en tres escenarios distintos, e tamén destaca a súa firme aposta polas bandas tributo: «Fomos os grandes abandeirados destes grupos, ao traelos cando ninguén o facía».
—Cal é o prato forte desta edición?
—Eu diría que as grandes orquestras [París de Noia e Panorama] e o espectáculo piromusical de Fran Sieira.
—Que diferenza a estas festas doutras da comarca?
—Algo fundamental é que son as primeiras do verán na contorna. A xente ten ganas de festa, pois aínda non está cansa dos intensos veráns na nosa zona, xa que ata finais de setembro hai festas en todas as parroquias e concellos. E sen menosprezar ás demais, penso que temos grandes propostas de moitísima visibilidade.
—Que cambios levou a cabo o seu goberno na xestión das festas?
—Cando chegamos as festas tiñan un formato que decidimos cambiar. Agora hai máis actividades para todos os públicos, tanto para nenos, xuventude ou xente maior. Ademais, fomos os grandes abandeirados de traer tributos cando ninguén os traía. Este ano veñen o de Joaquín Sabida e U2, son moi bos. Ademais, antes toda a actividade concentrábase na praza do Concello, pero agora tamén sumamos a praza da Terceira Idade e A Cachada. Cada público ten o seu propio escenario.
—Que lle diría aos boirenses e aos visitantes para animalos a vir aos eventos programados?
—Que desfruten dos espectáculos que temos, da nosa gastronomía e da nosa xente, que é moi afable e aberta, e que o fagan con sentidiño. Tamén que gocen do noso comercio, que é de moita calidade. Temos actividades da mañá á noite. Quero invitar aos veciños e veciñas de Boiro e aos de toda a comarca a que se despracen ao noso municipio a desfrutar das nosas festas. Así poderán cargar as pilas para gozar do verán antes de que chegue o inverno.
—Dixo publicamente que Boiro está de moda. Tamén o están as súas festas?
—Estou convencido de que si. Estou contentísimo porque cada vez que piso a rúa a xente dime que o programa é moi completo. A aceptación é moi boa.
—Pero é complicado contentar a todos.
—Non escoitei ningunha crítica salvo algunha infundada en redes sociais. Temos moitísimas propostas, desde música tradicional a tributos e grandes orquestras. Tamén pasarrúas e sesións vermú. E hai días específicos para a xente nova como o día das peñas.
—As festas de Boiro acostuman a ser multitudinarias. Como se conxuga a diversión co descanso dos veciños?
—As festas sempre son ata horas prudentes. A xente que vive no centro urbano xa ten interiorizado que son uns días. De feito a maioría dos veciños aproveita para coller vacacións nesas datas. Claro que as festas sempre crean algo de trastorno, pero os veciños están moi mentalizados. E xa non só falamos de ruídos, senón tamén de cambios de tráfico. Aumenta moitísimo a poboación, é máis complicado ir ao supermercado, ... Pero a xente lévao ben. Dentro do caos, é un caos ordenado.
—Cal é o esforzo inversor do Concello no desenvolvemento destes festexos?
—Non vemos as festas como un gasto, senón como unha inversión, pois o retorno económico no municipio é considerable, tanto no comercio como na hostalaría. Agora as festas págaas integramente o Concello, non como antigamente, que había unha comisión que pedía polas casas.
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, na rúa peonil. FOTo carmela queijeiro