
O de San Xoán é o derradeiro rito da primavera que se celebra en Galicia. Pecha un ciclo de festas tradicionais que comezan coa Semana Santa —moito máis longa do que o seu nome indica— e continúan cos ramos, o San Pedro Mártir que bendice o gran para sementar, os maios e as maias, o Corpus Christi coas súas alfombras florais que agradecen á natureza a abundancia nos campos, e tamén figuras mitolóxicas como a Coca ou a Tarasca. A estas tradicións únese o lumepán, unha procesión ancestral que procura propiciar o éxito agrícola, hoxe xa case esquecida e só conservada en pequenos núcleos da comarca de Padrón e Pontecesures.
San Xoán resume todo o espírito simbólico e ritual da primavera. É unha noite máxica onde se combinan ritos adivinatorios e de caos controlado, símbolos de transformación e de reinicio. A tradición manda roubar carros ou desmontar cancelas, xogos populares que representan a desorde previa á orde renovada. E, sobre todo, sáltase a fogueira: un número impar de veces —normalmente tres ou nove— para purificar a alma e deixar atrás aquilo que non serve.
As herbas de San Xoán tamén teñen o seu protagonismo. Recóllense ao solpor, mestúranse nun feixe aromático e déixanse nun balde con auga toda a noite, á intemperie, para lavarse a cara ao amencer. É un xesto pequeno, pero cargado de simbolismo: renovar a pel e a memoria, limpar os malos recordos e comezar un novo ciclo.
Moito do que acabo de relatar vaise perdendo coas novas xeracións, que o ven inútil, pero é importante manter os nosos ritos ancestrais, que definen a nosa identidade e o noso xeito de sentir.