Autocitarse

Ciprián Rivas

BARBANZA

28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ultimamente non é raro encontrar a alguén que nun acto de xenerosidade sen límite largue, para que os demais o escoiten, a expresión «como digo eu», e o din, tanto sexa nunha conversa privada desenvolvida na terraza dun bar, na rúa, como diante dun auditorio, si é que ocupan unha responsabilidade pública, sen que o rubor, asome polas súas meixelas tratando, así, de ratificar a clarividencia do seu propio pensamento, que deixan aí, para alumear á humanidade.

Hai quen domina a arte de citar a outros para gabarse a un mesmo, a un amigo ou a alguén da familia, quen nun determinado momento ocupou responsabilidades no servizo público para resaltar o seu labor, acompañando dous ou tres nomes, tamén, de persoas do seu entorno, esquecendo a outras, vivas ou mortas, sen que poidan contrariar dito argumento, nin ninguén que as defenda porque o paso do tempo borrou a súa pegada na institución a cal serviron.

Esta maneira de actuar é propia de indocumentados ou de individuos con mala fe. Mellor será que sexan indocumentados porque lles quedará tempo para educarse e tratar de superar a soberbia, a vaidade e a estupidez. Deberán aplicarse en estudar, ler ós clásicos como Agustín de Hipona, Michel Montaigne ou Rousseau ou mesmo a Baltasar Gracián, Sabino Fernández Campos, etc, practicar a escoita activa, relacionarse sen tratar de asoballar con sentencias non solicitadas, con razoamentos vacuos e reflexionar sobre a presenza nesa actividade como transitoria. Moito máis na política que en calquera outra actividade a cal os humanos nos dedicamos.

A luz debe imporse á escuridade.