Unha lexión de cabalos arroupou á santa de Moldes na súa tradicional romaría

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os fieis volveron engalanar con velas e centros de flores o cruceiro da Pobra

11 may 2025 . Actualizado á 21:22 h.

Os devotos non faltaron á súa cita coA nosa Señora do Belén e, como cada segundo domingo de maio, decenas de persoas achegáronse a Moldes para participar na romaría na súa honra, na que este ano destacou a importante lexión de equinos e xinetes que non se quixeron perder a celebración pobrense. «Parece que os cabalos non lle teñen medo á chuvia», chanceaba María Rivas, presidenta da comisión organizadora, que lamentaba que o mal tempo da mañá restase algo de participación a esta festa.

A eses primeiros ballóns tamén houbo que engadir, xa pola tarde, a celebración do clásico Barça-Madrid, «que notouse moito, pero sempre temos varios eventos que coinciden o mesmo día e hai que repartirse», sinalou Rivas.

Con todo, a media que ía avanzando a xornada e melloraba o tempo, cada vez chegaban máis fieis a diante da santa de Moldes, que volveu engalanarse con multitude de ramos e centros de flores, así como con decenas de velas, que se podían adquirir alí mesmo, do mesmo xeito que pulseiras, chaveiros, rosarios e un variado merchandising coa imaxe da virxe. E é que a fe move montañas, e ata o monte pobrense achegáronse moitos devotos a pedirlle á nosa Señora do Belén que intercedese por eles, tanto para mellorar a súa saúde como por motivos económicos, familiares ou sentimentais. Gran parte deles participaron na misa solemne que se celebrou ao mediodía e que estivo cantada pola coral Abrente da Asociación de Amas de Casa da Pobra, e oficiada polo párroco José Soneira.

Pero as actividades da romaría comezaran xa horas antes, coas alboradas a cargo das agrupacións de gaiteiros Vos Caraveiros e Vos Pequenos do Barbansa, e a actuación de Arrancadeira.

 Catro meses de preparación

A música continuou na sesión vermú e ata ben entrada a tarde a cargo de DJ Matrek, que xa se converteu no anfitrión habitual desta romaría, na que non faltaron tampouco os tradicionais postos de rosquillas, polbo e churrasco; ademais das barquillas e os inchables.

Para que todo estea a punto, os membros da organización comezan a preparar a romaría catro meses antes, posto que é preciso contar coa colaboración de moitas persoas e empresas, «e ter moita fe, porque a fe o move todo».