O porto da Pobra reunirá a uns seiscentos deportistas no Campionato Provincial de Bateis
BARBANZA

A cita desenvolverase a fin de semana, con regatas clasificatorias o sábado e as finais o domingo
08 abr 2025 . Actualizado á 12:12 h.Despois de acoller a Bandeira de Bateis Pobra do Caramiñal e a final de finais da liga galega, na que se coroaron os mellores equipos da comunidade, o porto da Pobra volverá ser este fin de semana sede dunha proba de bateis, nesta ocasión o campionato provincial da modalidade.
«Agardamos para esta competición preto de seiscentos rapaces e máis de doce clubs. A Pobra ofrece un marco ideal para o desenvolvemento das competicións de bateis», asegurou o presidente do Club Remo Puebla durante a presentación da cita. Nela tamén participou Gustavo Vázquez, vicepresidente da Federación Galega de Remo, que recalcou que «máis alá de cuestión técnicas, o factor humano que aporta o Club Remo Puebla non se pode valorar. Sempre ten a man tendida e ganas de traballar para sacar adiante este tipo de competicións. Non podemos máis que recoñecer o seu traballo e estarlles enormemente agradecidos».
Pola súa banda, o edil de Deportes pobrense, Eloy Sobrido, destacou que para o Concello «é un pracer e unha obriga continuar apoiando aos nosos clubs locais, máis aínda para organización deste tipo de eventos, que colocan á Pobra no mapa e teñen un impacto tan positivo a todos os niveis no municipio».
O sábado, a partir das 10.30 horas, desenvolveranse as regatas clasificatorias para que o domingo, a partir das 11.00, as mellores tripulacións remen polas medallas e o pase ao galego.