
A caixa que a compañía eléctrica utiliza en Galicia é horrorosa
08 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A caixa que a compañía eléctrica utiliza en Galicia é horrorosa. Fabricada en plástico gris, de proporcións esaxeradas, contén o contador da electricidade que ninguén le, porque agora a lectura é dixital, dende un centro de proceso centralizado. Se non hai lectores de contadores, por que teñen que estar nas fachadas, como esixe a compañía?
Son caixas plásticas que non harmonizan cos centros históricos, coas casas de pedra das aldeas, penso que nin coa arquitectura contemporánea. Cando estudamos a carreira, indicáronnos que ademais de cumprir as normas aprobadas polo estado ou pola Xunta, tamén tiñamos que cumprir as normas particulares desa compañía, o que resulta sorprendente sabendo que é unha empresa privada, pero con moito poder.
Concellos como Muros téñenas prohibidas no centro histórico, e boas dores de cabeza lle teñen causado a algún alcalde e aos veciños pelexar contra un oligopolio de gran poder. Se os contadores non teñen que ser visibles dende a vía pública, poden estar no interior das casas, colocados discretamente sen emborrallar o conxunto urbano.
Outros centros históricos impulsaron solucións maquilladoras como colocarlle unha porta exterior de madeira ou de aceiro, que oculte o horror do plástico gris. O caso é que é un problema permanente de loita entre a beleza e a bestialidade, un asunto no que os arquitectos e os concellos teñen que dar un golpe na mesa e pararlle os pés á compañía eléctrica.
Nos proxectos de reforma é acaído telo en conta e darlle unha solución integradora, que pase desapercibida. Hai que armarse de valor.