Unha conversa moi ben avida, fusión de estilos en torno ao libro de artista para unha mostra inaugurada o pasado mes de Nadal no Museo do Gravado de Artes
01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha conversa moi ben avida, fusión de estilos en torno ao libro de artista para unha mostra inaugurada o pasado mes de Nadal no Museo do Gravado de Artes, destes tres cimeiros autores das letras galegas: Baldo Ramos, Pepe Cáccamo e Antonio Piñeiro, con propostas e experiencias ao redor do libro de autor, e conexións mutuas nos procesos que emparentan a súa creación.
E, como xeneroso presente, unha plaquette de 90 exemplares, de factura única, cun «cadáver exquisito» (poema a tres mans) que ganduxa e arroupa as seis imaxes orixinais de cada exemplar.
P. Cáccamo chega con 17 libros no fardel, unha serie que se orixina no exemplar, Dun mansa estoura almou, de 2022, e que «se apropia de elementos antigos» (cartóns, pigmentos, cadernos...) que nos presenta a modo de deseños caligráficos, signos alfabéticos, debuxos e caligramas (Simmias de Rodas fecit). Poesía visual, fonética e espacial e, mesmo, iconoclasta, síntese de poesía icónica e verbal. Plasticidade da palabra, poesía fonética, co Dadaísmo e o Letrismo de fondo: a palabra como sonoridade musical e non como significado).
A. Piñeiro trae no macuto Calcinación, «reflexión sobre o rol do refugallo plástico e a recondución da obra»: anacos, manchas, bosquexos desbotados, probas de cor.... E aparece nel algo fundamental: a tensión entre o proceso e o acabado do arte-facto, entre o esbozo e a finalización, e todo canto supón de aleatoriedade, de aceptación ou rexeitamento. A obra como froito casual do proceso. Pero Piñeiro extrema os límites da arte ao celebrar e recuperar os materiais sobrantes con vocación de obra en si mesma.
B. Ramos regálanos 15 obras, espigadas da súa dilatada traxectoria, como «unha indagación sobre as posibilidades que ofrece o papel, as tintas, a cor, as grafías e as texturas». A palabra pintada, a xestualidade, o ideograma en cor como ilustración dunha idea, a pintura que fala, o concepto e non o obxecto, o como e non o que da non figuración.
Poetas, pintores e biblioartistas os tres, de seu versátiles e polifacéticos, recorren á polivalencia do signo xunto coa simbiose de plástica e literatura, isto é, ut pictura poesis. Os tres miran ao pasado (colaxe, automatismo psíquico, signo-xesto, materia, azar...) dende a subxectividade e os seus abismos interiores, dende a espontaneidade fresca da nenez (ou da loucura) ata o silencio abraiado da irracionalidade. E co alento expresionista abstracto, dadaísta, surrealista, informalista, tardo/pos/híper/modernista na caluga.
Tres cultores, tres artistas denotados e connotados a sucaren as augas encrespadas desta «modernidade líquida» que rexeita a evolución e a innovación, o progreso sen fin das artes, e conxuga hibridación con eclecticismo, nomadismo con mistificación, deconstrución con adhocismo, máis acordes coa cultura popular, exemplo de beleza mestiza: «O pobo é quen máis ordena» [...]