Brinde

Mariña Pérez Rei O FÍO DE ARIADNA

BARBANZA

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

eu podería galopar o chan do barbanza no mansío da noite. brava e minúscula. pisar as laxes mudas que o sosteñen na correntada. abeberar os restos da xuventude prendidos nos bordos dunha poza salvaxe. acho que podería arrimarme ao voo dos paxaros que coñecen as correntes do aire fungón. eu ben podería apertar amodo as crinas dos poldros adolescentes moito antes de o amor amencer. sentir as espiñas do toxo gravándome as pernas con  mapas rupestres. podería escoitar o  buligar temeroso do meu sangue, tan ruborizado do seu propio pigmento que non ousaría abrollar. eu podería durmir ao relento do pasado ou anicarme baixo a tampa das arcas. en evasión. esparexerme na acedume das terras altas que brúan isóbaras. mesmo podería entregarlles o meu corpo a xeito de guerreira vencida. a xeito de brinde. a xeito de epitafio. sería quen de deter o precipicio e confinalo nunha sílaba. toralo en gumes de espadanas que ninguén desexaría pronunciar comigo. eu soa daría termado do silencio do rei artur, beirado de fentos e espadas. derrubaría por fin as paredes podres de elsinor para que teseo argallase mil camiños na serra. eu podería sementar aínda un rego de memoria eólica nas arestas da curota, mentres aló embaixo a pobra dorme con limpeza o seu sono caramiñal. 

foto arturo ponte