Regueiro e Prol reconcilian ao Boiro co municipal de Barraña

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O equipo de Cardeñosa superou con claridade ao Valladares (3-0) e sae dos postos de descenso

02 dic 2024 . Actualizado á 09:43 h.

Desde o 6 de outubro, ante o Viveiro, non gañaba o Boiro en Barraña. O equipo necesitaba reconciliarse co municipal e para iso só valía unha vitoria. Ademais, non sumar os tres puntos tamén agravaría unha situación que hai unha semana era crítica e que hoxe xa non o é tanto. O triunfo ante o Valladares (3-0) é un bálsamo para o conxunto de Cardeñosa. O foi, ademais, porque sobre un terreo de xogo que non permitía floreos, os boiristas foron superiores.

Aos 11 minutos cantouse o primeiro gol dunha tarde que xa parecía menos gris. Ata asomou algún raio de sol. Sylla correu a por un balón pola banda esquerda. Coa inestimable axuda dun defensa rival, que acabou rodando polo céspede, pisou área e púxolle o coiro a Mario Regueiro, que entrou polo centro e só tivo que empurrala.

Os visitantes pouco inquietaron a un Borja Rey que, no minuto 25, foi clave para que os tres puntos quedasen en Barraña. O cérbero boirista salvou un man a man ante un Tomás que xa se vía pondo as táboas no electrónico. Esa parada valeu tanto como o gol que tres minutos despois asinou Mario Prol. O mozo compostelán tirou de clase para rematar de primeiras, coa zurda, unha balón que caía do ceo.

Co 2-0 no marcador o Boiro sentiuse cómodo no verde. Ata parecía que o campo xa non estaba tan charquento e o esférico corría mellor. A punto estivo Regueiro de facer o terceiro tras unha boa xogada de Yosi pola esquerda. Apareceu un defensa do Valladres para evitalo sobre a mesma liña. Pouco despois, outro defensor visitante fixo o propio a un cabezazo de Abi.

Cando xa asomaba o descanso, outra vez Mario Regueiro levantou á bancada cun disparo axustado ao pau que se foi, por moi pouco, pola liña de fondo.

Na segunda parte tocaba nadar e gardar a roupa, non correr riscos e non pór en perigo unha vitoria moi necesaria. Pero iso non quería dicir que non se fosen a aproveitar os agasallos. Á volta dos vestiarios, e coa choiva caendo con forza en Barraña, Abi, de lonxe, probou fortuna cun disparo que foi caendo en dirección á portería. Toni meteu unha man branda e o balón quedou franco a Regueiro, que asinou o terceiro do partido e o segundo da súa conta particular.

Gol e ovación

Polos seus tantos e a súa actuación, o dianteiro foi ovacionado cando Cardeñosa retirouno do campo para dar entrada a Pereira. Antes, Borja Rey volveu aparecer para manter a súa portería a cero cun paradón.

Pouco máis pasou sobre o terreo de xogo. A mellor noticia foi ver sobre o céspede outra vez a Yago, que reapareceu tras a súa lesión. Tamén, ver novamente a Barraña gozar co seu equipo.