O Rotogal Boiro viaxa a Madrid a por tres puntos que lle fagan soñar coa Copa Príncipe
BARBANZA
Os barbanceses mídense ao pechacancelas nun horario pouco habitual ante un rival que na casa é competitivo
30 nov 2024 . Actualizado á 18:13 h.«Partido novo» o desta xornada para o Rotogal Boiro, como o cualifica o seu técnico, Rizo Alves, por xogarse en domingo e en horario matinal. Ás dez e media saltarán os boirenses á pista do VP Madrid, actual pechacancelas do grupo. O sábado pola tarde viaxaron por estrada á capital de España para medirse a un equipo que, a pesar da súa clasificación, «na casa non está a competir mal», sinala Alves.
Os madrileños «están a plantar cara. Non conseguen sacar puntos porque ao final, cando te metes nunha dinámica negativa, é complicado. Pero son perigosos polo feito de xogar no seu pavillón e nun horario no que non estamos acostumados».
Cada vez mellor
A pesar da derrota a pasada xornada ante o Téxtil Santanderina, o mellor equipo da competición para o adestrador do Rotogal, os barbanceses seguen demostrando que van polo bo camiño: «Creo que xogamos cada vez mellor. Temos que aprender certas cousas e considero que vai ser un proceso e cuestión de que pasen os partidos e vaiamos collendo táboas en certos aspectos que nos faltan por puír».
A mocidade do persoal inflúe, porque «os que teñen 29 e 30 anos saben o que teñen que facer e non lles treme o pulso cando a pelota queima. Nós temos que aprendelo, non hai máis». O equipo está «en construción» e, por agora, no club están contentos co seu desenvolvemento. «Imos a polos tres puntos para meternos outra vez na pelexa, xa que estamos a só un dos postos de Copa Príncipe», apunta Alves.