Os concellos de Barbanza únense para tratar con Monbus os problemas do transporte escolar

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Alba Cambeiro

O alcalde de Ribeira reuniuse coas AMPA do municipio para abordar diversas cuestións sobre a calidade da educación

07 may 2024 . Actualizado ás 14:59 h.

Un dos grandes problemas que afectan á cidadanía da comarca son as deficiencias do transporte público por estrada, que ten especial incidencia no servizo escolar. Por iso, os catro concellos da beira norte da ría de Arousa uníronse para buscar solucións. Así o manifestou o alcalde de Ribeira , Luís Pérez Barral, nun encontro coas asociacións de pais e nais do municipio.

Na reunión, na que tamén participou Cruz Rivadulla, concelleira responsable de Educación, o rexedor explicou que se solicitou unha reunión coa consellería para abordar de forma integral os problemas que afectan á comunidade educativa ribeirense, á vez que aludiu á cuestión dos autobuses: «As catro alcaldías do Barbanza solicitamos unha reunión coa empresa Monbus para tratar as deficiencias no transporte escolar».

O encontro coas AMPA do municipio tiña por obxectivo estreitar a colaboración entre o Concello e a comunidade educativa e recoller as súas suxestións e demandas. Entre os temas abordados destaca a necesidade de reforzar a colaboración para desenvolver estratexias para favorecer a conciliación, a xestión dos comedores e o servizo de monitores. Así mesmo, trataron cuestións relativas á seguridade viaria na contorna dos centros educativos e a necesidade de profesorado especializado para o alumnado con necesidades especiais.

Para rematar, falouse tamén da falta de espazo no colexio O Grupo e da posta a disposición da Xunta do edificio da antiga comisaría para a súa ampliación.