O PSOE pon o foco nas listas de espera do hospital de Barbanza

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A candidata María Outeiral asegurou que «non é admisible que a veciñanza da comarca teñamos que agardar máis que ninguén para ser atendidos»

07 feb 2024 . Actualizado ás 17:26 h.

A candidata socialista María Outeiral, que ocupa o número 7 na lista pola provincia da Coruña, desprazouse ao hospital de Barbanza para defender as demandas e propostas en materia sanitaria incluídas no programa do PSOE para as eleccións do 18F. Acompañada polo portavoz da formación en Ribeira, Francisco Suárez-Porta, a boirense puxo o foco nas listas de espera do hospital de Barbanza e nos problemas da atención primaria.

«No Barbanza temos o peor hospital comarcal en canto a listas de espera, segundo os datos oficiais da Consellería de Sanidade, e non é admisible que a veciñanza da comarca teñamos que agardar máis que ninguén para ser atendidos e ter un diagnóstico», apuntou Outeiral, que engadiu que o PSOE e Besteiro apostan «por unha sanidade pública de calidade e cunha xestión eficiente que permita baixar as listas de agarda».

No que respecta á atención primaria, a candidata socialista puxo como exemplo o que ocorre no seu municipio, Boiro, onde «temos máis de catro mil persoas sen un médico asignado e vémonos obrigados a esperar máis de dúas semanas para ser atendidos polo noso médico de cabeceira». Neste sentido, remarcou que «os galegos e galegas merecemos unha sanidade pública de calidade e iso só vai ser posible se o vindeiro 18 de febreiro hai cambio na Xunta e Besteiro é o novo presidente».

Nesta mesma liña, Suárez-Porta remarcou as necesarias melloras na sanidade en xeral, e na comarca en particular: «O hospital do Barbanza conta con numerosas deficiencias, tanto na súa estrutura como na falta de profesionais en determinadas áreas». En relación con isto subliñou que determinadas especialidades non contan con persoal no complexo comarcal, o que obriga aos pacientes a desprazarse a outros centros para ser atendidos, e insistiu no problema das listas de espera: «Non é admisible que unha persoa teña que agardar máis de 40 días para ter unha cita cun especialista».