Pablo Molinos: «Poño un tempo e intento conseguilo»

Laura Martelo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

LAURA MARTELO

O mozo de Esteiro cambiou o volante das carrilanas para empezar a súa aventura nos karts

03 may 2021 . Actualizado á 11:27 h.

O Gran Prix de Carrilanas de Esteiro é un evento amplamente coñecido en Galicia. Todos os anos, grandes e pequenos de toda a comunidade agardan con ansia unha das citas estivais máis concorridas para ver descender aos bólidos pola celebérrima Costa do Maio. O amor que profesan os veciños de Esteiro pola proba é comprensible ao vivir de primeira man o grande ambiente da localidade muradá durante os días que dura a cita deportiva e que se vén convocando desde hai máis de tres décadas, agora lamentablemente interrompida polo covid.

Non é de estrañar, por tanto, que da canteira de pilotos saíse unha gran promesa como Pablo Molinos Buján (Esteiro, 2010), que con 11 anos deu o salto este curso aos circuítos de karts da man da escola formativo que a organización das Carrilanas puxo en marcha. Segundo explica, o seu primeiro contacto cos vehículos de madeira produciuse a moi curta idade, «tiña cinco anos, creo» e desde entón é un seareiro máis.

E non é estraña a súa temperá afección polos coches, posto que na casa ten un referente. Así o explica o seu pai, Marcos Molinos Rodríguez, Kitos, outiense afincado no municipio veciño, e desde hai anos onde rexenta un taller mecánico moi coñecido nos circuítos de carreiras. «Xa se criou niso. Eu corro circuítos tamén», comenta.

Kitos leva anos competindo no mundo do motor. Asiduo aos ralis durante moito tempo, desde o 2010 compite no Campionato Galego de Autocrós: «Xa levo once anos». E aínda que di que non gañou ningún campionato, si conta con numerosos podios no seu palmarés: «Normalmente estou entre os cinco primeiros». A Pablo o amor polo volante vénlle de neno, como é natural, e os seus primeiros pasos nas carrilanas foron ao lado do seu pai: «Dende pequeniño sempre veu ás carrilanas. Baixei con el dúas veces cando era máis pequeno e agora baixa cun amigo. O pai quedou xa a un lado».

O salto

O rapaz recoñece que o kart «xa me leva gustando bastante tempo, pero aínda non empezara nunca a correr». A súa primeira cita deportiva desta tempada celebrouse o pasado 18 de abril no circuíto pontevedrés da Madalena, no que Molinos acabou primeiro da súa categoría ao lograr completar as once voltas en algo menos de 9 minutos.

Con todo, o mozo é consciente de que aínda é o primeiro reto e hai que seguir traballando para mellorar. Proba diso son os adestramentos aos que se somete para chegar ás competicións co máximo nivel posible. Segundo contan pai e fillo, collen o kart en canto poden e adestran no circuíto Ayrton Senna, situado no municipio veciño de Outes. «Ando no kart e antes de saír á pista sempre me poño un tempo e intento conseguilo», comenta Pablo.

A idea, apunta, é conseguir que cada día ese tempo váiase reducindo aos poucos. Pola súa banda, Marcos Molinos explica que «despois tamén imos aos circuitos. Por exemplo, se hai carreira imos un fin de semana ou dous mallar alí un pouco» para facerse tanto co coche como co terreo. A maiores, a preparación complétase con paseos en bicicleta todos os domingos para adquirir forma física. «Fai falta moito fondo físico para isto», explica Marcos Molinos, ao que Pablo apunta , case con resignación, que «ten que ser».

A polo galego

En canto aos obxectivos marcados para este ano, Pablo Molinos expresa que a meta é «se se pode, facer podio no galego», un obxectivo moi alcanzábel para o mozo, que ten a próxima cita os días 5 e 6 de xuño no circuíto lucense da Pastoriza.

Volverá porse aos mandos do volante para demostrar que a localidade muradá é unha potente canteira forxada nos bólidos de madeira sen motor que desafian ás leis da gravidade en Ou Maio, facendo que tanto a pericia do piloto como a súa habilidade nas freadas sexan os piares da proba, e que agora Molinos traslada ao asfalto con ganas de comerse o mundo.

En detalle

Cinco anos. Foi a idade coa que tivo o seu primeiro contacto cunha carrilana

O tempo. Gañou a súa primeira carreira tras completar 11 voltas nun tempo de 8:59,22

Ayrton Senna. O mozo de Esteiro adestra neste circuíto de Outes