Os estudantes molestos co servizo de bus a Santiago entregarán
as firmas este luns

Ribeira

BARBANZA

MARCOS CREO

Os mozos consideran que é fundamental que os gobernos locais fagan forza para intentar solucionar este problema

21 sep 2019 . Actualizado ás 16:12 h.

A protesta encabezada por estudantes de Arousa norte polo servizo de autobús entre Barbanza e Santiago vivirá este luns un novo episodio. Despois de pór en marcha unha recollida de firmas a través da Rede, o seguinte paso será o de entregarlle as rúbricas á empresa, Arriva, acción que teñen pensando levar a cabo este mesmo luns.

Pero os mozos non pensan pararse aí. O obxectivo é que políticos e veciños da comarca coñezan os problemas que viven de xeito reiterado desde hai anos, tal e como apuntan. Entre as demandas, aseguran que os horarios dos autobuses non concordan cos da páxina web e que non se xestionan vehículos de reforzo para datas concretas nas que hai moita demanda, o que motiva que decenas de persoas perdan conexións con outros lugares e que outras non poidan regresar a casa. Polo momento, a iniciativa, posta en marcha a través de Change.org, suma máis de 300 firmas, e agardan roldar as 500 antes de enviarllas á firma, que acompañarán cunha explicación das demandas.

Ao pleno

Outro dos obxectivos é que algún dos partidos da corporación ribeirense leve esta reivindicación ao pleno deste mes ou ao de novembro. Os estudantes consideran que é fundamental que os gobernos locais fagan forza para intentar solucionar este problema de mobilidade.

Desde Arriva mostraron a súa total predisposición a escoitar os casos concretos e a estudar as demandas, ademais de afirmar que si se están cumprindo os horarios predefinidos.