Estudantes de Arousa norte reúnen firmas para denunciar as deficiencias do servizo de autobús a Santiago de Compostela

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Ana Garcia

Arriva asegurou que os horarios «son os que figuran na web e estanse cumprindo»

20 sep 2019 . Actualizado ás 20:31 h.

Fartáronse. Para algúns, a situación é insostible. Estudantes de Arousa norte puxeron en marcha unha campaña de recollida de firmas a través de www.change.org para denunciar as deficiencias do servizo de autobús a Santiago de Compostela. «Os horarios reais non corresponden cos da páxina web. En ocasións as prazas non chegan para todas as persoas que hai agardando. Vemos que soben o prezo ano a ano, pero non melloran o servizo», di a promotora dunha denuncia que rolda as 300 rúbricas.

Afirma que o gran problema é Arriva, a empresa que xestiona a liña que conecta Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo coa capital: «Abusa da súa condición de monopolio. Levamos moitos anos co mesmo problema e notamos que imos a peor».

Defende tamén que a última anécdota ocorreu a semana pasada, cando quedamos 20 persoas sen sitio no autobús para volver a casa». Afirma que o condutor solicitou un vehículo de reforzo que nunca chegou: «Agardamos á seguinte hora, pero foise acumulando xente e unhas 15 persoas tampouco puideron viaxar. Entendemos que debe haber unha previsión para enviar máis autobuses».

O problema cos horarios compárteno máis colectivos que os estudantes. Veciños da comarca que tiñan que coller un avión en Lavacolla ou un tren en Santiago viron como perdían a súa ligazón para chegar ao destino ao atrasarse o autobús.

A compaña

Arriva saíu ao paso das críticas para asegurar, tras comprobar o histórico de servizos, que os horarios «son os que figuran na web e estanse cumprindo» e que só detectaron atrasos de 10 ou 15 minutos por tráfico. Á súa vez apuntou que os horarios poden verse na súa web e na súa app. Sobre as tarifas e as frecuencias, afirma que están estipuladas pola Administración e que se poden comprar os tickets a través da súa aplicación. Sobre os reforzos de autobuses, recoñecen que nalgunha ocasión puideron fallar as súas previsións. Desde Arriva invitaron os usuarios a pórse ne contacto coa compaña para analizar os casos concretos e estudar as súas demandas.