Os lobos volven causar baixas en crías do gando mostrenco na serra

a. l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

Os gandeiros esixen á Xunta que tome medidas para reducir os ataques dos cánidos

22 ene 2019 . Actualizado ás 20:41 h.

Os gandeiros barbanceses seguen en pé de guerra contra os lobos, uns animais que están a facer minguar o seu gando a pasos axigantados. Esta fin de semana Manuel Boo perdía a un dos seus becerros polo ataque destes cánidos na serra, «e tamén atopamos a unha vaca que acababa de parir e que xa non tiña á cría», denunciou.

A situación non parou de agravarse nos últimos meses, «porque creceu moito o número de exemplares, e poden verse ata oito lobos polos montes. Uns días matan aquí e outros alá», afirmou o gandeiro, que xunto ao resto de profesionais da serra de Barbanza pide á Xunta unha solución efectiva para este problema.

«Hai que tomar medidas xa, se queremos ter gando hai que protexelo. Nós estamos cumprindo todos os requisitos que esixe a lei, tanto nos peches como no saneamento, e é a Xunta a que ten que dar unha solución», reiterou Manuel Boo en nome dos seus compañeiros.

Autorización para unha batida

Unha das propostas que se puxeron sobre a mesa é solicitar á Consellería de Medio Ambiente que autorice unha batida para reducir o número de lobos nos montes barbanceses, unha decisión un tanto complicada ao tratarse dunha especie protexida.

Con todo, como lembraron moitos gandeiros, esta foi a medida que levou á práctica fai uns seis ou sete anos, cando se sufriu un problema similar ao que se está vivindo na actualidade.