Industria dá luz verde á instalación dun parque éolico no monte Treito

CORRESPONDENTE LOUSAME

BARBANZA

ANA SANTISO

A Xunta de Galicia desestimou as alegacións presentadas por varios concellos e polos comuneiros A Dirección Xeral de Industria da Xunta remitiu ás comunidades de montes afectadas a resolución datada o pasado 1 de setembro pola que se autoriza á firma Gamesa Enerxía a instalar un parque eólico no monte Treito e pola que, ademais, apróbase o proxecto de execución presentado pola empresa. A última oferta que os propietarios puxeran sobre a mesa da empresa recollía o pago dun canon anual de medio millón (tres mil euros) por cada aeroxerador, pero non obtiveron resposta.

21 sep 2000 . Actualizado á 07:00 h.

Na súa resolución, a Consellería de Industria fundamenta a desestimación das alegacións presentadas por comunidades de montes, concellos de Lousame e Rianxo, e PSOE e BNG de Rois aducindo que tanto a documentación presentada por Gamesa como os trámites administrativos realizados axústanse á lexislación vixente. O documento recolle, ademais, que o número de aeroxeradores que se colocarán nos montes de Rianxo, Rois, Dodro e Lousame é de 46, polo que a potencia total instalada ascende a 30,36 megawatts. O investimento previsto por Gamesa sitúase en 4.020 millóns de pesetas, mentres que a produción neta anual estimada acada os 89.332 megawatts por hora. Desde a ocupación dos terreos, Gamesa disporá de dezaoito meses para a posta en marcha das instalacións. Ante a resolución de Industria, cabe aínda a posibilidade de interpor un recurso de alzada ante o conselleiro. A última reunión que os comuneiros mantiveron coa firma promotora tivo lugar o pasado mes de agosto e nela, segundo un dos propietarios máis afectados, a oferta que lle trasladaron consistía na cobranza de medio millón de pesetas ao ano por cada aeroxerador. O avogado de once das comunidades afectadas, Calixto Escariz, di que nestes momentos «atopámonos á espera de que Gamesa responda á nosa proposición ou en caso contrario expropie os terreos». As entidades aseguran estar convencidas de que a cantidade que fixe o xurado de expropiación será «maior que as ofertadas pola empresa», sosteñen. Así mesmo, comunican que decidiron hai uns días rexeitar a proposta feita por Gamesa para que cedesen as súas terras durante un período de trinta anos.