Proveitosa saída do Vilagarcía TM a Madrid e vitoria do Concello de Cambados
VILAGARCÍA DE AROUSA
Xornada de moi diferente grao de esixencia a que veñen de encarar os dous equipos arousáns da División de Honor do tenis de mesa.
O Vilagarcía TM desprazouse á comunidade de Madrid para xogar tres partidos. Tras comezar cunha contundente derrota na mañá do sábado, 5-1, a mans do Coslada, co cambadés Fernando Padín sumando o punto da honra visitante, o cadro galego espremeu o resto da súa estadía no centro da meseta. O propio sábado, en xornada de tarde, impoñéndose 3-4 ao Boadilla nun partido que Pablo Castro e Fernando Padín decantaron no desempate do dobres diante de Carlos Martínez e Axel Lovo. E na mañá do domingo, superando 2-4 o Seghos con Kazeem Fagbohun gañando os seus dous emparellamentos e os irmáns Pedro e Pablo Castro sumando un cada un.
O Concello de Cambados, pola súa banda, sacou proveito da súa condición de local na tarde do sábado, superando 4-2 o Arteal. Sergiy Nigerurk resolveu ao seu favor os seus duelos con Mateo Lois e con Andrés Correa, este último, derrotado tamén por Santiago Otero; Matías Albornoz venceu pola súa parte a Lois.