EU pide unha ordenanza para regular a vivenda turística en Vilagarcía mentres acusa a Varela de «pasividade» con este tema

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Fajardo solicita que se identifique as vivendas ilegais e se proceda ao seu precintado

05 jun 2025 . Actualizado a las 13:33 h.

O grupo municipal de Esquerda Unida de Vilagarcía esixe ao goberno local que «abandone a súa pasividade e colabore activamente coa administración do Estado na identificación e erradicación das vivendas turísticas ilegais na cidade». Neste sentido, pide que, de forma urxente, se redacte e aprobe unha ordenanza municipal que regule as vivendas turísticas e a identificación inmediata das ilegais e o seu precintado.

«Recordemos que o PSOE e o BNG de Vilagarcía permitiron que as vivendas turísticas paguen menos polo recibo do lixo que as vivendas das familias. A nova normativa debe establecer controis rigorosos, sancións efectivas e medidas concretas para limitar ou prohibir este tipo de actividades nas zonas máis tensionadas da cidade, ademais de establecer unha taxa que grave esta actividade e contribúa paliar os gastos que este tipo de turismo provoca en Vilagarcía», indica Fajardo.

EU alude á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que ordena a retirada de 65.935 anuncios ilegais de pisos turísticos en España e desmonta o recurso interposto pola plataforma Airbnb, avalando así a lexitimidade da actuación do Goberno central. «Se ben esta primeira resolución non afecta directamente a anuncios de Vilagarcía, é cuestión de tempo que a actuación ministerial se estenda a centos de vivendas ilegais existentes na nosa cidade».

«A proliferación deste tipo de aloxamentos está a agravar de forma directa a emerxencia habitacional que padecen milleiros de familias de Vilagarcía, disparando os prezos do alugueiro e imposibilitando de facto a alugueiro de longa duración e Vilagarcía», sinala EU.