O 40% de participantes no plan integral de emprego do Ulla lograron atopar traballo

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Un centenar de persoas de Catoira, Valga, Pontecesures, Dodro, Padrón e Rois beneficiáronse desta acción formativa

26 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Programa Integrado de Emprego (PÉ) despregado polos concellos de Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón, Rois e Dodro clausurouse este xoves. Na xornada final, os seus responsables fixeron balance dunha iniciativa subvencionada pola Xunta de Galicia con 220.000 euros, e da que se beneficiaron un total de cen persoas. As participantes no programa «melloraron a súa formación e as súas posibilidades de atopar emprego grazas á colaboración entre as administracións autonómica e locais e o tecido empresarial da contorna». Se se considera ao total dos participantes, conseguiron inserirse no mercado laboral o 41%. Pero a cifra varía en función dos concellos. Así, no caso de Valga «esta porcentaxe foi notablemente superior á media global, xa que dos 21 participantes locais atoparon emprego 12, o que representa o 57 %».

Segundo explican desde os municipios participantes no programa, este dirixiuse «a persoas pertencentes a colectivos con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral». Ao seu alcance puxéronse «preto de novecentas horas de formación, distribuídas entre especialidades presenciais e de teleformación e orientadas ás necesidades reais do tecido produtivo dos concellos participantes». Nese sentido, destacaron cursos como os de manexo de guindastre e carretilla, ou os de servizos á comunidade. «Ademais, como novidade, fixose especial fincapé no sector sociosanitario, ofertando cursos de estimulación cognitiva e enfermidades neurolóxicas, actividades básicas de rehabilitación nos maiores e formación en primeiros auxilios», explican desde o Concello de Valga.

Desde este sinalan, ademais, que máis aló da formación técnica, «o programa inclueu accións transversais como técnicas de coaching, motivación para a busca de emprego, obradoiros de habilidades sociais, preparación de entrevistas ou emprendemento». «Todo isto —conclúen— completouse cunha actividade de prospección empresarial, visitas a empresas da contorna, prácticas non laborais e intermediación laboral directa, a través dunha bolsa de emprego propia», segundo explícanse desde os municipios participantes.