Os cociñeiros Ameixeiras e Fariña deixaron un bo sabor de boca en Valga

G. B. BANDÍN / R. E. VALGA / LA VOZ

VALGA

Concello de Valga

O martes 19, no marco do programa «A voltas co prato» da TVG, desenvolviron un showcooking con selo de calidade 

21 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O parque Irmáns Dios Mosquera de Valga foi escenario este martes do duelo entre os cociñeiros Xoanqui Ameixeiras e Coque Fariña. No marco do programa A voltas co prato da TVG, o showcooking Menudo Par. Anguía + Caña celebrouse ás 21 horas. Os protagonistas da noite, a anguía e a caña do país, chegaron á mesa de catro formas distintas.

Os 35 comensais que asistiron ao evento puideron ver as elaboracións e degustar os pratos presentados. A destreza culinaria dos cociñeiros reflectiuse nas súas creacións. O banquete comezou cunha adaptación da vichyssoise coa anguía como a estrela. Da outra man presentouse un arroz en paella co peixe do Ulla e cogomelos.

Na seguinte elaboración, a caña do país recolleu o testigo nun estufado de tenreira en salsa de caña de herbas e acompañado de cuscús. Finalmente, a nota doce foi crema de sobaos pasiegos e caña tostada con toffe de mel que deixou un bo sabor de boca.

O Agosto Gastronómico valgués ten unha motivación social: as actividades son gratuítas pero requiren un aporte de alimentos non perecedoiros. A doazón será ao departamento municipal de Servizos Sociais que os repartirá entre as familias máis desfavorecidas. O vindeiro domingo 24 será momento de Álex Iglesias que traballará cunha variedade da caña do país. As prazas deste showcooking de cocteleiría xa están esgotadas.