A Xunta recoñece como Ben de Interese Cultural a antiga liña de vagonetas de Novo e Sierra

R.E. VALGA / LA VOZ

VALGA

CONCELLO

Culmínase así un proceso iniciado, a pedimento do Concello de Valga, no ano 2019

19 jun 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A Xunta de Galicia declarou o día 9 como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento e como patrimonio industrial, a antiga liña de vagonetas aéreas vinculada á actividade da desaparecida empresa de cerámica Novo e Sierra. Desa forma, completábase un trámite que se iniciou no ano 2019 a pedimento do concello valgués.

Con esta declaración protéxense varios elementos, desde os restos do antigo embarcadoiro de carga e descarga de mercancías situado no Ulla, ademais das sete torres, catro delas completas, da liña que unía a canle fluvial coa fábrica e a Mina Mercedes, de onde se extraía a arxila empregada na factoría, desaparecida no ano 2009.

O Concello de Valga leva anos querendo pór en valor todos estes elementos, e por iso pediu a súa catalogación como BIC. Esta chegou, o que supón que «estes vestixios quedan agora baixo o réxime de protección establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que implica a máxima protección e tutela. A Xunta de Galicia tivo en conta a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época», explica o concello.

Desde o Concello lembran que as torres son de celosía metálica e «permitían a circulación pechada de ida e volta, combinando a suspensión e o percorrido por carrís dunha vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilos». O uso deste sistema, di a Xunta, resulta «un exemplo do transporte aéreo de materiais e unha tipoloxía industrial, a da cerámica, moi presente e relevante en Galicia, especialmente no Baixo Ulla». A liña de vagonetas remóntase ao ano 1927 «e o uso de celosía metálica aínda conservada fai que sexa un exemplo único na nosa comunidade». Ademais, os informes elaborados polos técnicos «constatan o uso de sistemas de suspensión que supoñían unha tecnoloxía avanzada para a época que permitía posicionar a industria de referencia en mellores condicións polos rendementos en tempo e volume de material transportado».

Este patrimonio forma parte do proxecto do Concello para a dinamización turística de Valga.