
O municipio podería producir máis enerxía do seu consumo eléctrico anual
14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O estudo sobre o potencial enerxético de Ribadumia, presentado polo deputado provincial Javier Tourís na Casa do Concello, revelou que o municipio ten unha forte dependencia de combustibles fósiles e un potencial de xeración renovable alto, así como condicións favorables para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética polo seu potencial renovable, pola súa capacidade de integración na rede e polo compromiso ambiental do goberno local. O obxectivo deste informe é analizar o potencial de aproveitamento das enerxías renovables en Ribadumia, identificando as áreas máis axeitadas para o desenvolvemento de proxectos e o potencial solar fotovoltaico nas cubertas de edificios municipais.
A comunidade enerxética solar podería instalarse tanto nas cubertas de ata sete edificios municipais como en terreos. E nas cubertas de todo o municipio existe o potencial de producir máis enerxía do consumo eléctrico anual de Ribadumia. En total a instalación das placas tería un custo de arredor de 673.000 euros.