
O alcalde meco anunciou no acto que xa está pechada a adxudicación do posto do choco para a gran cita gastronómica do vindeiro mes
19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Grove presentou este xoves a LXII Festa do Marisco na cidade vasca de Vitoria, nun acto que supón o pistoletazo de saída da presente cita gastronómica, que se celebrará na Praza do Corgo do 2 ao 12 de outubro.
A comitiva arousá, liderada polo alcalde, José Cacabelos, logrou reunir na Casa de Galicia da capital vasca a arredor de medio cento de persoas, ansiosas por degustar os produtos que se serven no recinto. Viandas elaboradas polos responsables do restaurante Jueso de Caña e a empresa Rodrimar, nun showcooking do que o público non perdeu ollo, e que tal e como apunta o rexedor, conquistou os padais dos presentes.
Mexillón, polbo, arroz, berberechos, empanada, zamburiñas e navallas foron algúns dos protagonistas deste menú, nunha xornada que espertou novamente o interese do público vasco, que xa soe ser numeroso de por si en terras grovenses, e onde se realizou ademáis unha «magnífica presentación» do evento gastronómico, sinalou o alcalde, acompañado da traballadora da Oficina de Turismo meca, Mara Mariño.
Satisfeito coa cita promocional en Vitoria, Cacabelos sinalou que no Grove xa se está procedendo a preparar o recinto coa instalación das carpas que acollerán a degustación dos máis sabrosos manxares, e aproveitou para comentar que é moi probable que haxa punto de venda de polbo nesta edición, e que xa está pechada a adxudicación do choco.