O Grove modifica o sinal de Hortos para que pase o autobús

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

LETICIA CASTRO

Cacabelos di que os veciños non lle expuxeron estas queixas

12 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Os veciños de Hortos, que estes días impedían circular pola súa rúa aos autobuses escolares, amenceron onte con novidades por parte do Concello do Grove. Varios operarios municipais, acompañados pola Policía Local, acudían á primeira hora da mañá para modificar o sinal de circulación na intersección con Terra de Porto, para incluír unha excepción: a que permite o paso aos autobuses escolares, que desde hai dous anos atravesan o vial.

O alcalde, o socialista José Cacabelos, mostrábase onte sorprendido coa revolta veciñal, xa que, segundo explica, ninguén acudiu a el para queixarse do tránsito deste tipo de transporte: «O que si me falaron foi do paso de peóns que están a reclamar», conta. O rexedor admite que a estrada ten as súas peculiaridades e asegura que o paso dos dous autobuses escolares non excede os catro minutos.

Polo visto, esta ruta foi acordada con Educación, «percorre a avenida de Portugal, Porto Meloxo, Virxe das Mareas, Jaime Amézaga, a estrada do Conde, Terra de Porto, cruza por Hortos para ir a Conmeniño ao instituto Monte da Vila ás oito da mañá e ás dúas e media da tarde», explica o alcalde, que asegura que cando fan parada en Terra de Porto non poden virar demasiado ben na rotonda para volver retomar Estrada do Conde: «Sería unha manobra máis difícil e perigosa», di. Realizar o xiro e seguir por esa estrada suporía, di Cacabelos, que os alumnos terían que estar vinte minutos antes na parada, e que á volta se atrasarían outros tantos. As alternativas non son demasiado viables, segundo o rexedor, e a actual é a máis rápida e eficaz, sinala. E insiste en que coa reforma proxectada para o vial, que dispón dunha senda peonil, a rúa mellorará sensiblemente. De todas as maneiras, Cacabelos asegurou que se reunirá cos residentes antes de comezar as obras para poder explicarlles o proxecto.

A pesar de que agora existe un sinal que indica a excepcionalidade para que poidan pasar os autobuses, aínda que tan só nun dos extremos da rúa, os veciños seguirán reuníndose estes días nos horarios previstos, a modo de disuasión.