A venda de Lotería de Nadal non acaba de arrancar no verán arousán

G. B. BANDÍN / R. E. VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

LETICIA CASTRO

O número 7 é a terminación máis demandada polos turistas nunha campaña que só mellora no Grove

28 jul 2025 . Actualizado á 19:52 h.

Como en cada tempada de verán, os turistas aproveitan as súas vacacións para ir na procura da sorte. Coa esperanza e a ilusión de mercar o número que vai gañar a Lotería de Nadal, hai quen repite sempre a mesma terminación, hai quen varía segundo o que atope e tamén hai quen viaxa a un destino pola fama da administración. Nos despachos concordan, en que hai un número estrela entre as interminables combinacións dispoñibles. As persoas parecen ter unha predilección pola terminación 7, aínda que o 5, 13 e o 69 tamén levan mencións de honra.

Na bisbarra de O Salnés, a venda vai a ritmos diferentes segundo a chegada de viaxeiros; os despachos perciben un panorama alterno. Co inicio do mes de xullo empezou a venda e no Mar de Apuestas, la Administración de Loterías nº 1 da Illa de Arousa alegan que está indo máis lenta. Segundo Manuel Núñez, o seu titular, esta circunstancia débese a unha menor presenza de turistas que fai «de momento vaia máis frouxo e o tema do turismo pois evidentemente vai afectalo». «Hai xente da Illa que xa aproveita e vai collendo algún décimo, pero o forte da campaña do verán basicamente é a xente que está de paso», comenta Núñez.

No caso de Vilagarcía, na Administración nº 1, tamén notan que as vendas vai seguindo unha tendencia marcada, sinalando que os visitantes son os que máis lotería requiren pero que aumenta a veciñanza que «a colle cada vez máis pronto», segundo a titular, Fernanda García. Por outra banda, consideran que Vilagarcía é un destino «de moda» que atrae a xente de todas as comunidades e, se ben o verán representa unha venda considerable, «a época forte é decembro, cando se aproxima o sorteo». A maiores, na comparación co ano pasado sinala que «vai ao mesmo ritmo»: «Está a venderse moi ben».

Ao final é unha de cal e outra de area xa que o éxito da campaña verase influenciado pola cantidade de visitantes. Dende a Illa teñen «a esperanza que vaia mellorando o tema e empece a volver a vir a xente, pero en principio xullo está frouxo». Pero agosto é un mes de bos presaxio, adoita ser máis prometedor e cunha nova marea de turistas, pode que se reflote as vendas.

Caso aparte é o da Centola Dourada que, dende O Grove marca unha tendencia favorable. A elección dos turistas por gozar das súas vacacións —tanto na vila coma na contorna— alentan o seu desprazamento ata o despacho. Certamente, os seus acertos nos último tempos preséntase coma unha oportunidade imposible de deixar pasar.

«O primeiro mes de venda do verán pechámolo case por riba do 10%»

 

g. b. bandín / r. e.

Para A Centola Dourada de Moreno estas datas son especiais, o comezo da venda da Lotería de Nadal pode marcar unha tendencia do que resta do ano. Ultimamente, a sorte sorrille a Administración de Lotería nº 1 do O Grove porque, cando chega o 22 de decembro algún dos décimos que saen do comercio son entoados polos nenos de San Ildefonso. O feito de repartir tantos premios non pasou desapercibido pola xente e Manuel Rodríguez teno ben claro...

—Como está indo a venda?

—Pois a verdade é que moi ben. A comparación do ano pasado, a xente está achegándose moito, especialmente os turistas. A maioría veñen pola anécdota de que cada ano estamos a repartir algún belisco, veñen á zona e aproveitan o momento para coller a lotería.

—Como aspiran a rematar o primeiro mes da venda?

—Nós imos superando o ano pasado e o primeiro mes de venda do verán pechámolo case por riba do 10%. Nós atopamos unha suba incluso cos clientes do pobo... coma sempre lle toca aos turistas... Antes eles mercaban en novembro ou decembro, pero agora a xente de aquí quere ser a primeira que a merque.

—Nótase un cambio nas procedencias da xente?

—Non, iso coma sempre... É un turismo que ven pola zona de Sanxenxo, Vichona, Vilalonga, incluso veñen dende Vigo. Hai clientes que teñen os seus hoteis en Vigo ou Pontevedra e veñen a mercar a lotería aquí mentres que aproveitan para visitar a vila.

—Como foi o intercambio de loterías?

—Fixémolo esta fin de semana. Fomos o pasado sábado e tornamos o día seguinte, o domingo 20. Estivemos en Madrid 146 loteiros cos que intercambiamos para a «lotería viaxeira». Nós temos ao servizo dos nosos clientes lotería que a xente de arredores non pode mercar en Madrid, Valencia, Bilbao ou calquera punto de España.

—Finalmente, cales son as terminacións favoritas?

—O do 13 é unha cousa aparte, pero o 7 pídeo un 70% dos clientes, incluso nas peñas que temos, todo o mundo quere o 7… É unha tolemia, é o segundo número estrela.

A lenda segue crecendo e as persoas solo esperan expectantes para escoitar o seu número cantado o día 22 de decembro.