O auditorio do Grove acolle o xoves unha cita audiovisual en defensa da ría

l. castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

MONICA IRAGO

A proxección de «Altri: a sede insostible» e «Minaría Non» seguirase dun faladoiro

25 jun 2025 . Actualizado á 10:10 h.

O Grove acollerá este xoves, 26 de xuño, a partir das sete da tarde, unha xornada audiovisual en defensa da ría. A actividade, que terá lugar no auditorio municipal da vila, consistirá na proxección dos documentais Altri: a sede insostible, realizado por Xarda Cooperativa e O Salto Galiza, e a peza Minaría Non, de Lentes Diverxentes, que afonda nos efectos da mina de Touro O Pino no río Ulla e na ría de Arousa.

Logo da proxección dos vídeos, está previsto ademais que se leve a cabo un faladoiro coa Plataforma en Defensa da Ría e máis o colectivo veciñal Mina Touro-O Pino Non. Será unha actividade completamente aberta ao público, ata completar aforo, que pretende xerar debate na sociedade sobre dous dos proxectos que máis polémica están a xerar en Galicia, dada a repercusión que a súa implantación podería ter sobre a contorna natural e o medio de vida de varios sectores produtivos.