
No seu afán de maximizar ese lucro e diminuír gastos, as empresas optan por tendidos aéreos para transporte da electricidade
11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes días fálase das empresas de subministro de enerxía eléctrica. Sempre están de actualidade sobre todo cando, sen vergonza, se gaban —ano si, ano tamén— dos seus beneficios; cifras inmorais coas que a xente do común nin imaxinamos o que se podería facer. Os donos son os ultrarricos, como lles chama o presidente do Goberno. Todos contribuímos, gran de area a gran de area, a esa obscena xeración de riqueza allea e, ademais, volvémonos dependentes do sistema eléctrico privatizado, unha samesuga a vivir do común e zugarnos. Mais hai un aspecto que me gustaría tratar: o cableado nas aldeas. No seu afán de maximizar ese lucro e diminuír gastos, estas empresas optan por tendidos aéreos para transporte da electricidade. Non me refiro, que tamén, ás grandes liñas que sacan enerxía de Galicia para o resto de España sobrevoando, prepotentes, fragas e montes, maltratando a paisaxe. Refírome máis ben a esa maraña de cables negros —tamén aos de teléfono—, que afean o rural e dan imaxe de pobreza, desleixo, submisión e falta de autoridade dos poderes locais. Fan que todo pareza un suburbio con tal enredo de liñas. É parte da que se denomina contaminación visual. Ás veces, por puro costume, non reparamos nela pero non ocorre o mesmo nin cando percorremos outros lugares, nin cando nos visitan. É o primeiro que salta á vista. A imaxe que nos fan proxectar é deplorable; e non só nos lugares que pretenden vivir do turismo. A lexislación e os representantes políticos —sempre timoratos cando teñen que enfrontarse ao poder económico- non axudan. As normas urbanísticas do Salnés ou non mencionan esta cuestión ou unicamente falan de soterramento nas novas construcións como dicindo que o feito, feito está; a lexislación autonómica ten en conta todo ese enguedello exclusivamente cando afecta a bens de interese cultural; nas Directrices da Paisaxe da Xunta proponse a eliminación progresiva desa lea só en áreas de interese cultural, patrimonial e paisaxística. E iso que o Estado español asinou o Convenio de Protección da Paisaxe, en vigor desde 2008. Pódese dicir que resulta difícil atopar panorámicas libres de cableado de subministro eléctrico e telefónico. Pero nada se fala en ningures de desfacer esa maraña nas zonas rurais e é aí onde esa contaminación visual incide directamente na calidade de vida e dá unha sensación inmensa, deprimente, de desleixo, de atraso e de abandono da Administración: vense por todos lados cables enguedellados nas vivendas ou pendurados de postes —uns de madeira, outros de formigón— sen orde e ata repetidos. Alteran visualmente a estética de todas as zonas rurais resultando discordantes, hostís, inharmónicos e invasivos; causan un impacto visual enorme e negativo. E constitúen servidumes legais sobre as propiedades. Son axentes contaminantes que degradan o medio ambiente, fan que todo pareza unha completa e miserenta anarquía caótica. Todo isto nuns tempos nos que se dá importancia ao turismo baseado na paisaxe e na imaxe. É necesaria a toma de conciencia por parte das Administracións públicas para iniciaren, xa, de présa, todo tipo de accións dirixidas á eliminación das liñas aéreas, sen compaixón algunha fronte ás empresas subministradoras de electricidade e telefonía. Eses beneficios dos que tanto presumen non se poden conseguir a conta de provocaren contaminación visual, degradación, das nosas contornas, empobrecéndoas e facendo que a nós e aos visitantes nos pareza vivir nos lugares máis abandonados e atrasados do mundo. Hai que facerlle fronte a esas multinacionais, como se acadou no istmo da Lanzada do Grove, agora limpo desa contaminación visual aínda que se estea a infestar de carteliños. Outra contaminación visual.