A agrupación de Esquerda Unida no Grove criticou estes días a escasa presenza da localidade en Fitur a nivel institucional. «Volveu depender de iniciativas privadas e do liderado doutros concellos», sinalaba a edil Susana Millán, facendo alusión á presentación da Festa da Centola realizada por Emgrobes e ao media maratón Entre Rías, na que compartía protagonismo con Sanxenxo, pero non na mesma medida. Segundo os esquerdistas, «o alcalde non foi quen reclamar para O Grove o lugar que lle corresponde, pois o compromiso inicial era alternar a saída e a chegada desta proba, pero teremos que conformarnos con ser por segundo ano consecutivo punto de partida», explican.
Millán subliñou, por outra banda, que o Concello carece de estratexia en materia de turismo e di que o único que fai o rexedor é falar de taxa turística, cando dispón de fondos europeos «dos que non foi capaz de executar máis que o 32 %». Aseguran ademais desde EU que o goberno local segue sen aprobar normativas como a de autocaravanas e lamentan que aínda non se creou a mesa de traballo solicitada para buscar unha solución á proliferación de pisos turísticos. Para os esquerdistas os fondos Next Generation deben destinarse a crear un produto turístico sólido.