Doutro día máis da Lingua Materna

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DÁ TRAVESÍA

O Grove

Convén achegar un gran de area para alertar, unha vez máis, da necesidade de apoiar o idioma que nos modela e identifica

25 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai agora un ano publiquei aquí o artigo que vai a continuación. Desde aquela só cambiou a posibilidade imposta polos grupos políticos cataláns de que se poida falar en todas as linguas oficiais nas Cortes Xerais. O resto segue igual. Ábrese en Galicia unha nova lexislatura —tempos de esperanza— e convén desde esta modesta columna achegar un gran de area para alertar, unha vez máis, da necesidade de apoiar o idioma que nos modela e identifica. Un idioma que por aquí moitas veces disfrázase de castelán sen deixar de ser galego. A modo de exemplo, os que andan nese entroido permanente non usan tempos compostos: pensan que falan castelán pero non é tal. Ou outros como un notable político, soa rídículo, que para disimular o acento —Por que o fará?— esfórzase moitísimo en esaxerar a pronunciación das sílabas finais. E como no 2023 non houbo máis cambios, permítome, por teimosía, reproducir ese artigo do ano pasado. Aquí vai.

Galicia é competente para establecer o estatuto xurídico do galego, pero é a Comunidade Autónoma con idioma de seu que menos avanzou para acabar co desequilibrio entre as dúas linguas oficiais e poñer fin á actual cooficialidade asimétrica. Mais esa diglosia tamén é responsabilidade do Goberno central, ao que, neste tema, ninguén lle esixe nada. E, a todo isto, a UNESCO conmemorou o pasado 21 o Día das Linguas Maternas. É dicir: comunidades autónomas, Estado español e organismos internacionais no papel parecen empeñados en fomentar o galego sen que iso se traduza nin en medios para alcanzar esa finalidade, nin en número de falantes. O Estado español ratificou no 2001 a «Carta Europea das Linguas rexionais ou minoritarias», entendendo por tales as oficiais nos Estatutos das Comunidades Autónomas do País Vasco, Cataluña, Illas Baleares, Galicia, Valencia e Navarra, así como outras minoritarias. Entre as afirmacións desa Norma Internacional —de obrigatorio cumprimento— sinálase que utilizar unha lingua rexional ou minoritaria na vida privada e na pública constitúe un dereito imprescritible. A inobservancia dos compromisos adquiridos polo Estado español é clamorosa e céntrase en diversos sectores que, máis ou menos, todos coñecemos: Educación, Xustiza, Administración Pública estatal e sectores económicos —públicos e privados—. Así: non se garanten a educación preescolar, primaria, secundaria profesional ou técnica en galego; tampouco se fai nada polo galego falado fóra dos límites administrativos de Galicia. Na Xustiza, os incumprimentos son flagrantes: as resolucións no idioma propio andan no 1 %. A Carta Europea obriga a asegurar que os órganos xurisdicionais, por simple solicitude dunha das partes, leven en galego os procedementos penais, civís e contencioso-administrativos; a redactar en galego, previa solicitude, os documentos dun procedemento xudicial; a admitir os documentos redactados en galego en calquera parte do Estado español, incluso por quen non fale a nosa lingua. A vella lei de Normalización Lingüística de 1983 —anterior á Carta Europea, á que hai que adaptala— recoñece en balde ese dereito ao uso do galego na Xustiza e, especificamente, establece que as partes nun litixio teñen dereito a seren notificadas en galego.

Os datos reais non reflicten, nin sequera, a promoción deses dereitos. O Consello e Oficina das Linguas Cooficiais do Ministerio de Ordenación Territorial —uns órganos inutilizados- non avalían o uso na Xustiza porque din que o deben facer o Consello Xeral do Poder Xudicial, que anda a outras cousas, e a Xunta, que mira de esguello. No referido á Administración dixital, normalmente so aparecen en galego os menús iniciais. A ignorancia e o incumprimento das obrigas da Carta Europea por parte dos órganos periféricos do Estado é permanente. A Carta Europea obriga a que a Administración do Estado vele para que no seu propio ámbito se empregue o galego e que os seus funcionarios poidan redactar nese idioma. Garda Civil, Policía Nacional e Exército, lato sensu, son Administración pública e aí o idioma de Rosalía nin aparece, aínda que a sintaxe sexa galega. Nas actividades económicas e sociais autoridades e consumidores poden esixir o galego; por exemplo na documentación bancaria ve vostede préstamos, hipotecas, comunicacións bancarias non publicitarias en galego? Con este desleixo co galego non é de estrañar que, malia a que esteamos no momento con máis coñecedores de gramática galega, diminúan os falantes. Non o permitamvos.