A vivenda usada do Grove é a oitava máis cara de Galicia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

O prezo medio dos inmobres de segunda man en Vilagarcía encarécese un 21 por cento nos últimos doce meses

07 feb 2024 . Actualizado ás 18:49 h.

Que o acceso á vivenda se converteu nun problema de país quedou patente no feito de que ata os cinco aspirantes á presidencia da Xunta de Galicia reunidos no debate do pasado luns na TVG fixeron do tema unha das súas armas electorais ante a audiencia que quixo escoitalos. A última entrega do Índice Inmobiliario Fotocasa do portal online do mesmo nome sobre o mercado de vivenda de segunda man vén poñer cifras á urxencia da construción ou rehabilitación dun parque público, que ofreza opcións de habitabilidade a tantos mozos e demais poboación sen capacidade económica para encarar os prezos desorbitados dun mercado cunha raquítica oferta e unha xigantesca demanda.

No Salnés, tres son os puntos quentes recollidos no balance do mes de xaneiro do Índice Inmobiliario Fotocasa. O primeiro deles, O Grove e os 2.119 euros o metro cadrado que se pagan de media por unha vivenda usada na localidade. Un aumento do 2,9 % respecto á referencia de decembro do 2023 e que sitúan o municipio meco como o oitavo máis caro do mercado inmobiliario de segunda man en Galicia.

O Grove cae un posto nesta última e nada edificante listaxe respecto ao último mes de novembro. Entón figuraba sétimo cun prezo medio de 2.062 euros o metro cadrado e cun incremento anual do 36 %, a porcentaxe máis elevada na comunidade en comparanza co mesmo mes do 2022. Hoxe, só Baiona (2.841 euros/m2), Sanxenxo (2.738), A Coruña (2.615), Santiago de Compostela (2.528), Vigo (2.439), Oleiros (2.429) e Gondomar (2.119) superan a cotización do Grove.

Inda sendo sensiblemente menor, o prezo da vivenda usada en Vilagarcía de Arousa en xaneiro, 1.527 euros o metro cadrado, un 1,2 % máis co mes anterior, salienta por ser un 20,8 % máis caro co primeiro mes do 2023, porcentaxe tan só superada polo 21,6 % rexistrado en Burela, claro que co metro cadrado de segunda man a 969 euros. En Cambados, pola súa banda, o prezo sitúase xusto 100 euros por debaixo do de Vilagarcía: 1.427.