O Grove repartirá 13.275 euros en premios entre as comparsas e o desfile de entroido

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

Martina Miser

O festival de comparsas consumirá case a metade desa cantidade

26 ene 2024 . Actualizado ás 09:56 h.

O Concello do Grove perfila estes días os preparativos da programación do Gran Entroido Meco, que arrincará o próximo día 8 de febreiro coa cea de comadres e rematará o sábado 17, cos festexos en San Vicente. O Concello repartirá en total 13.275 euros en premios para fomentar a participación dos veciños nesta gran celebración tradicional.

O Festival de Comparsas, que se celebrará o día 10 no auditorio municipal, distribuirá entre as agrupacións 6.150 euros, ademais da bandeira que distinguirá á que leve o título de Campioa do Mundo. O xurado outorgará as súas puntuacións en tres bloques diferentes: o do canto e música, o de vestiario e posta en escena, e o de crítica. Os premios irán en progresión desde o sexto ata o primeiro lugar, que levará 1.200 euros. Ao resto dos participantes entregaráselles un accésit de 350 euros.

O Gran Desfile de Disfraces, que será o martes 13 de febreiro e percorrerá as principais rúas da localidade, repartirá 7.125 euros ás propostas máis orixinais. Os participantes poderán inscribirse por correo electrónico ou de xeito presencial o propio martes. O desfile rematará na Praza do Corgo, e como novidade respecto ao ano pasado, a entrega de premios realizarase no pavillón de deportes Monte dá Vila.