Enxebre, a asociación cultural que naceu do empeño e a ilusión de Jacobo Otero

leticia castro O Grove / LA VOZ

O Grove

LETICIA CASTRO

A entidade celebra hoxe ás oito no auditorio do Grove os seus trinta anos

20 ene 2024 . Actualizado ás 13:37 h.

Enxebre celebra esta tarde tres décadas de actividade no Grove, unha eternidade para unha asociación cultural que impulsou o teatro na localidade arousá e que naceu do xeito máis peregrino en Santiago, da man de Jacobo Otero. El marchouse a estudar con dezaseis anos e naquel momento axudaba como monitor nun instituto. Un bo día decidiu que ían facer unha obra de teatro na aula. «Tiña a gran sorte de que moitos dos profesores do centro, foran fundadores do Centro Dramático Galego», conta. Pediu que lle botasen unha man e leváronlle a Evaristo Calvo, integrante de Mofa e Befa. Casualidades do destino, a obra, que estaba xa medio montada era Fas e Nefas: O Castelo Encantado 5000 e pico.

Jacobo descubriu que aquilo lle gustaba, e que había que montar unha compaña, pero non alí, senón no Grove. Contoullo aos catro amigos de sempre e empezou a seleccionar xente que puidese encaixar.

Na discoteca Scorpio

Foi na discoteca Scorpio, nun festival de playback que facían alí onde comezou a botar o ollo a algúns mecos talentosos, e fixeron un cásting en San Roque. Así se xestou a primeira obra de teatro, Romance de Micomicón e Adelala. Foi un éxito que se escenificou no desaparecido Cine O Marino, que foi testemuña ao longo dos anos de moitas representacións de Enxebre, aínda que tamén houbo obras no exterior. Unha delas foi A Pousadeira, que tivo lugar no xardín da Torre de Escuredo, cun llenazo absoluto.

A outra foi na leira de Don Jacobo, onde chegaron a introducir uns pantaláns para facer alturas e mesmo trasladaron un cabalo desde San Vicente. Alí representouse A Lagarada. Corría o ano 1994. A intención era reivindicar eses espazos patrimoniais coa intención de pór o foco sobre eles. E así, sen querer, a asociación creceu, chegando a ser unha gran familia de case 150 integrantes que ían e viñan. «Foi unha época moi moi ben, de moito curro, as actividades fóra requirían de moitísimo esforzo pero a época do Cine O Marino foi moi bonita —lembra—, transformámolo nós en teatro, porque houbo que partir de cero, non había onde colgar focos, non tiña caixa negra, o chan estaba mal, pero Pepe Lores dábanos todas as facilidades do mundo, sempre nos deixou actuar alí fóra dunha vez, cando saíu Torrente, non ía deixar de proxectar esa estrea porque nós quixésemos facer teatro».

Por aquel entón estaban a piques de estrear A casa de Bernarda Alba, e atopábanse nun punto de inflexión; xa traballaban con decorados de deseño. Así que aquela función, pola que os premiaron, estreouse no patio do colexio Rosalía de Castro. Comenta Jacobo que naquel momento «o Concello tivo que aprender a relacionarse cos colectivos, nós non recibimos ningunha subvención os dez primeiros anos», di. Enxebre, que se embarcou en mil eventos, como o famoso Mercado Tradicional que cada 6 de decembro levaba a cabo na Praza de Arriba, ou no Desembarco Pirata, foi un dos veciños que máis loitou por que O Grove tivese o auditorio no que o colectivo cultural vai celebrar hoxe os seus trinta anos: «Tivemos multitude de reunións con clubs, asociacións... E conseguimos reunir a firma de cincuenta entidades para facerlle entender ao Concello a necesidade de construír un auditorio, e aquí estamos». Cunha trintena de obras ás costas e máis que virán.