Vieiras, polbo, arroz, empanada de choco e millo... O Grove supera xa as cen mil racións na Festa do Marisco

leticia castro O Grove / LA VOZ

O Grove

LETICIA CASTRO

A quinta parte de todos os billetes dunha edición de marca vendéronse nunha xornada do Pilar multitudinaria

13 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

No Grove onte non cabía un alfinete. Tanto a Praza do Corgo como as rúas adxacentes eran un fervedoiro de xente ansiosa por degustar os pratos que se serven no recinto gastronómico da Festa do Marisco. E é que o Pilar é un dos días máis fortes da semana, sobre todo se cae en ponte. As colas nas caixas eran de varios metros, mesmo ás tres da tarde, o que facía presaxiar, do mesmo xeito que en días anteriores, boas cifras de venda.

O día amenceu tranquilo, e sen choiva a pesar das previsións que guindaban un pouco de auga para a xornada. As ganas de probar as exquisiteces da cita gastronómica eran enormes, e cabe destacar que a cousa estivo repartida, polo menos no servizo de mediodía. O arroz de mariscos seguiu batendo marcas, xa que só no primeiro servizo despacháronse 1.150 racións, pero sorprendentemente tanto a empanada como o mexillón destacan por cifras altas na listaxe. O total de racións despachadas ás cinco da tarde pasaba as 18.000, un dato co que se supera con fartura a barreira dos 100.000 billetes, e suponse que o máis forte está aínda por vir, así que con estas vimbias podería superarse a marca do ano pasado.

A cifra impresiona, porque o 12 de outubro do 2022 vendéronse en toda a xornada 16.712 billetes. Entre os comensais que meneaban o bigote nas mesas da carpa de degustación había onte moitas familias, sobre todo procedentes do territorio nacional e de varios puntos da xeografía galega, que comentaban que todo estaba delicioso. Algúns sorprendéronse, por exemplo, coa elaboración da vieira ao forno, da que moitos falaron marabillas, e tamén das ameixas e os mexillóns tigre, unha caseta que, xunto co das croquetas, está sempre a rebordar, do mesmo xeito que o da empanada. Pero o polbo, con 958 racións, e as zamburiñas, con 789, tampouco quedan atrás, e seguen sendo dos preferidos entre o público.

A península meca roza o 100 % de ocupación para esta fin de semana e parece que os concertos seguirán sumando visitantes. O mércores, Celtas Cortos encheu a carpa de actuacións e os arredores, un volume que se mantivo onte con Cinco en Zocas e Ana Moura, e que pode aumentar coa presenza de Sidonie e Lalalove You.As actuacións de baile folklórico, a feira Grovestock e un taller de transferencia de imaxes completaron a programación.

LETICIA CASTRO

A empanada de millo con choco da ría, unha novidade do menú que está a arrasar

Se un pensa en comerse unhas tapas de marisco, sobre todo nun evento como o que cada mes de outubro serve O Grove, o máis probable é que, sen pensalo demasiado, decántese por unha ración de polbo, unhas navallas ou uns camaróns, aínda que xa se sabe que para encher o buche hai que completar a mesa con algo máis contundente, como un arroz, unhas croquetas ou unhas racións de empanada.

O sesaxésimo aniversario da festa chegou con algunha novidade na carta, como a empanada de millo con chocos da ría, unha verdadeira delicatesen que está a arrasar en vendas, cunha masa fina, nada pesada, e o aderezo do choco na súa xusta medida, coa súa dose de tinta e algunha hortaliza, deixa pampo a quen a proba. O prato xa superaba o mércores as 5.000 racións, e continúa subindo.

O rumor de que está deliciosa non deixa de estenderse entre as persoas que fan cola e miran o folleto para elixir as tapas. Haberá que ver se todas as provisións de choco aguantan ata o vindeiro domingo, porque quen a proba, repite.

A bo ritmo véndese tamén a empanada de zamburiñas, porque a masa de millo ha ir gañando adeptos co paso dos anos, e agora é imprescindible nas carpas de degustación. Haberá que anotalo entre as suxestións para estes días, porque o prato non defrauda. Durante a xornada de onte, só no servizo de comidas, despacháronse máis de trescentas racións —a un prezo de 6,50 euros— unha cantidade que se afasta bastante da demanda pola empanada de masa tradicional de atún, polbo ou mexillón, que tamén ten os seus fieis, está claro.