A escola de Música do Grove recibe a primavera cun concerto para amantes do cine

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

Martina Miser

A actuación será esta tarde no auditorio

30 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A Escola de Música do Grove ofrece hoxe o seu primeiro concerto, e faino cun guion que non deixará indiferente a ninguén, sobre todo aos cinéfilos, e é que o director do centro, Carlos Oubiña, e o equipo de profesores organizaron unha actuación cos alumnos que fará un percorrido polas bandas sonoras máis famosas da historia do cine. Todo un aliciente para os estudantes que mostrarán o aprendido nestes meses a través de melodías que farán as delicias do público. Segundo explicaba estes días o director da escola, levan varias semanas perfilando os detalles da actividade coa que o alumnado dará a benvida á primavera. Farán un percorrido por películas de Disney, como Coco, Aladdin, O Rey León ou O Chepudo de Notre Dame, pero tamén haberá tempo para bandas sonoras tan clásicas e impactantes como a de Carros de Lume ou tan modernas como a da Casa de Papel. A actuación, que terá lugar no auditorio municipal, anexo á escola, será ás sete e media da tarde, e arrincará cunha estudada posta en escena dos profesores que darán vida cos seus instrumentos a Xogo de Tronos. Será un espectáculo audiovisual porque o concerto irá acompañado tamén de imaxes dos filmes. Haberá actuacións en solitario dalgún profesor, e tamén interpretacións conxuntas de mestre e alumnos. Non faltará ningún clásico, nin sequera Star Wars ou O Señor dos Aneis, e por suposto tampouco cancións infantís como O botón de Martín ou Baixo oMar , ás que darán vida os máis pequenos da escola, os integrantes de Música e Movemento.

A audición promete , é gratuíta, e un bo plan para rematar a tarde do xoves.