Ton é do Grove

Rafael Arriaza
Rafael Arriaza PUNTO DE VISTA

O Grove

Carolyn Cooper (Cedida)

27 oct 2021 . Actualizado ás 18:35 h.

Ocupados como estamos con pandemias, volcáns, o efecto do brexit, as ocorrencias de nosa nunca suficientemente ben ponderada clase política, o prezo da luz, o baleirado dos encoros, a defenestración e restauración de Luis Enrique, a cousa catalá, as portas xiratorias, a subida dos prezos, ver a Messi coller o seu hatillo e emigrar, aprender que mesmo Pau Gasol envellece, volver ás barras dos bares, e demais cuestións que poboan a actualidade, o que Ton Campos a volvese a lear pasou case desapercibido para a maioría. De feito, moitos se preguntarán Quen é ese? Que fixo? Pois ese, palada a palada, salpicadura a salpicadura, volveu a gañar o Campionato do Mundo de piragüismo de longa distancia. De maratón. O de volver é porque non é a primeira vez que o fai. Nin a segunda. Nin a terceira. ¡É a sexta! E o de longa é porque a proba é larguísima. Longa e durísima, como calquera maratón. Tanto, que non é -desgraciadamente- unha proba olímpica. Non teño dúbida de que sería unha medalla segura. Máis de 26 quilómetros dándolle ao remo. Neste caso, en C2, compasándose ao compañeiro coma se fosen un. Cada un tirando do outro cando fraquea e tratando de non fraquear. De axustar as forzas e controlar aos rivais. E amais , nas súas probas teñen que facer o que chaman «porteos», que consiste en que ao finalizar cada volta ao circuíto teñen que saír da auga, cargar a piragua e correr con ela aos ombreiros ata o seguinte punto de embarque. Por se algún vai sobrado. En practicamente calquera país, un deportista que teña conseguido máis de 30 medallas en campionatos de Europa e do Mundo, sería unha figura recoñecible por calquera. Unha icona. Un exemplo do que pode chegar a lograr unha persoa a base de talento, vontade, dedicación e capacidade de sufrimento, se ten a contorna adecuada. Ton ten todo iso, e conseguiu xa 31 desas preseas. Seis delas son de ouro en mundiais; outras 10, de prata. En Europa, outros tantos ouros. Flipa, colega. Ese case descoñecido. Por lóxica, hai que facerse polo menos un par de preguntas: como é posible que o logrou? E como é posible que non sexa un dos deportistas máis coñecidos de España? A resposta á primeira é sinxela: Ton é do Grove. ¡Ajá! Xa imos aclarando algo… como dicía o inspector Clouseau. O efecto que ten estar rodeado de grandes, inmensos deportistas e competidores, cuxo exemplo fai que os rapaces da zona queiran imitalos, láncense á auga e poidan, á vez, manterse na súa contorna familiar e de amizades, fan desa zona das Rías Baixas un lugar dificilmente repetible no mundo. Unha contorna no que os rapaces poden saír a remar no seu club con campións do mundo, olímpicos, ¡verdadeiros galácticos! que son ademais veciños normais, afables e humildes; e á vez, vivir na casa familiar, ir a clase ou traballar cos seus amigos, sen desarraigarse. Campións que se se cambian de casa necesitan unha carretilla só para trasladar as súas medallas, e que teñen case pudor a dicir cantas conseguiron. A segunda cuestión ten unha resposta tan manida como dura: non pertence a un deporte mediático, e ten a mala sorte de que a súa disciplina non é olímpica. Se o fose, non teño ningunha dúbida de que o veriamos en todos os medios de comunicación… polo menos durante unhas semanas cada catro anos. No Grove o mar faille a onda a nada menos que cinco olímpicos (uns nados e outros dous que viven alí), pero o Pavillón Municipal de Deportes Náuticos leva o nome de Ton Campos. Por algo será.