Os hoteis estrean xullo con baixa ocupación

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

O alugueiro de vivenda turística dispárase e os cámpings gañan posicións

05 jul 2020 . Actualizado ás 10:52 h.

Unha sondaxe de urxencia polos hoteis da comarca para coñecer o seu nivel de ocupación na primeira fin de semana de xullo non deixa boas noticias. Frouxo é o adxectivo máis empregado alén da liña telefónica e non falta quen fala dun balance «pésimo» porque o seu hotel non chega nin ao 25 %. Hai excepcións. A máis clara é a do Parador de Cambados, onde o nivel de ocupación é similar ao do ano pasado por estas datas, é dicir, alto. E algúns empresarios recoñecen que, aínda sendo un mal inicio de verán, está resultado mellor do que cabería pensar fai un par de meses.

O panorama é moi distinto no sector da vivenda turística. O coronavirus fixo despegar a demanda deste tipo de aloxamento pola seguridade que ofrece desde o punto de vista de posibles contagios. Constátano desde a plataforma alojatesalnes.é. «Hai moita demanda de vivenda, sobre todo con piscina, nós quedámonos sen elas», segundo explica a xerente, Bea Castro. E no seu hotel do Grove, os apartamentos están a ter moito máis tirón que os cuartos.

Os cámpings tamén parten dunha boa posición respecto dos hoteis ao fío da crise sanitaria, pois son moitos os turistas que se decantarán por espazos ao aire libre para pasar as súas vacacións. No cámping Paisaxe II do Grove están esta fin de semana ao 50 % e móstranse satisfeitos porque as previsións para o resto do verán son boas.

Como cabía agardar, o turismo que está a chegar ao Salnés é, maioritariamente, de proximidade e, xa que logo, con estancias curtas, preferentemente durante a fin de semana. As expectativas melloran para agosto, aínda que, ante a incerteza en que nos sumiu o covid-19, ninguén dá nada por seguro.

O Grove, dos últimos en abrir a oficina de turismo

Vilagarcía, Cambados, Vilanova, Meaño e Ribadumia abriron esta semana as súas oficinas de turismo despois de máis de tres meses pechadas debido ao estado de alarma e, como xa nada é o que era, alí tamén cambiaron os protocolos de funcionamento. O persoal vai provisto de pantallas e máscara, instaláronse dispensadores de xel hidroalcohólico, hai que gardar as distancias de seguridade e redúcese a repartición de folletos en papel. No Grove aínda haberá que agardar uns días para ver aberto este servizo, un atraso que o alcalde xustifica na demora que experimentaron os procesos de contratación de persoal.