Alberto Taboada lidera a Tripla Coroa Illas Atlánticas

O Grove

Cedida

Natación O deportista lalinense concluíu segundo na segunda cita do calendario no Grove e só lle resta Ons no 2020

18 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Conseguir a Tripla Coroa Illas Atlánticas figura entre os soños do nadador lalinense Alberto Taboada. Tras conseguir éxitos na piscina, con títulos galegos en distintas categorías enrolado nas filas do Pavillón Ourense, onde tamén exerce como adestrador, o prestixioso título de natación en augas abertas parece agora unha opción real. Na segunda cita desta competición que se disputa entre o 2018 e o 2020, que se disputou estes días no Grove, repetía resultado. Como ocorreu o pasado ano en Cíes-Baiona, Alberto Taboada concluíu segundo. A suma dos dous tempos levantáronlle de forma provisional ao liderado, cun tempo de 6:33:42 e máis de tres minutos de vantaxe sobre o segundo, Sergio Torres, que ten 6:36:20, sendo terceiro Manuel Regueiro, gañador no Grove, con 6:37:29.

Nesta segunda proba, prevista sobre dezanove quilómetros entre Sálvora e O Grove, houbo que recortar a distancia inicialmente prevista polas condicións do mar. En total foron doce os quilómetros que tiveron que completar os nadadores. Alberto Taboada sentiuse ben desde o principio no seu grupo de competición, ademais de destacar a seguridade con que se viviu a proba pese ao mar revolto grazas á organización.

No 2020 será cando se complete a Tripla Coroa Illas Atlánticas, que tiñan previsto inicialmente un total de 57 quilómetros a nado en augas abertas, distancia recortada agora tras o ocorrido no Grove. Esa última cita será entre Ons e Combarro, con moitas opcións de que Alberto Taboada poida pelexar polo título soñado.