Portos di ao PP que licitará a obra de Meloxo no segundo semestre do ano

La Voz O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

Beatriz Castro se reuniócon a conselleira do Mar

06 feb 2019 . Actualizado ás 14:11 h.

A presidenta do PP do Grove, Beatriz Castro, e os concelleiros Fernando Meis e Alejandra Lamas, mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán. Entre outras cuestións, no encontro falouse sobre a ampliación do Porto de Meloxo. Segundo informaron os conservadores, esta obra está actualmente pendente dun informe de Costas e doutro de Desenvolvemento Pesqueiro, polo que os técnicos calculan que podería ser licitada no segundo semestre do ano.

A reunión forma parte dun plan de seguimento establecido polos conservadores para abordar diferentes aspectos sobre as infraestruturas e servizos portuarios da localidade. Tamén pretendía servir para trasladar aos máximos representantes da xestión pesqueira as inquietudes e as propostas de mellora que os profesionais do sector fan chegar ao PP.

Castro e o seu equipo insistiron especialmente en coñecer a situación na que se atopan os trámites administrativos previos para ampliar o dique de abrigo de Porto Meloxo. Sobre esa cuestión, Portos aseguroulles que o proxecto actual está pendente do informe de avaliación ambiental, pois faltan por chegar os documentos de Desenvolvemento Pesqueiro e Costas. Ao mesmo tempo, estanse tamén contestando todas as alegacións. A intención do ente autonómico é a de licitar estas obras durante o segundo semestre do ano. E, de feito, xa conta cunha partida orzamentaria para iso.

Desde o PP consideran que o sector do mar «é estratéxico e prioritario para O Grove», polo que se debe potenciar. Neste sentido, os conservadores apostan por habilitar canles de comunicación para poder recibir as reclamacións e as inquietudes destes profesionais.