O Grove aúna esforzos para esixir melloras na atención sanitaria

m. a. O Grove / LA VOZ

O Grove

MONICA IRAGO

18 ene 2019 . Actualizado ás 21:57 h.

O problema da atención sanitaria logrou unir á corporación grovense. Polo menos, na decisión de presentar unha moción conxunta para esixir a Sanidade que poña fin aos problemas asistenciais que se rexistran no centro de saúde. Porque, no que ao demais se refire, hai unha gran división de opinións. O PSOE e o PGD critican que o PP se reunise co xerente da EOXI, e que este non teña chamado ao grupo de goberno cando visitou o centro de saúde da localidade. Tamén rexeitan os datos ofrecidos polo Sergas. E os conservadores deféndense dicindo que o PSOE se limitou a airear o problema «e alimentar a polémica existente» mentres eles buscan solucións, e por iso pediron, e celebraron, unha reunión co máximo responsable da área integrada.

A reunión dos populares co responsable da EOXI levantou bochas no encontro que posteriormente celebraron todos os grupos políticos que forman a corporación. «Se fomos a reunirnos co responsable da EOXI foi para atacar de raíz o problema, informar o malestar dos nosos veciños e para esixir compromisos de cubrir as prazas que estivesen vacantes», argumentan no PP. «Enorme sorpresa causounos a noticia de que os responsables de Sanidade se reuniran con membros do PP», critica Félix Lamas, do Partido Galeguista Demócrata. Esta formación propuxera a reunión de portavoces, presentar unha moción conxunta e estudar a convocatoria dalgún tipo de protesta, unha proposta «que ía no sentido de deixar de lado o tema político e facer unha fronte común entre todos», defenden. «Outros van por libre e sen contar con ninguén», insisten con respecto aos conservadores.

Pola súa banda, o grupo de goberno tamén critica que o Sergas se reunise co PP, cando hai unha carta na que piden ser recibidos polo conselleiro de Sanidade. «Non é de recibo que se reúnan co PP cando mandamos unha carta ao conselleiro e levamos anos solicitando unha reunión con el», explicou o rexedor meco, José Cacabelos. Ao mesmo tempo, sostén que as cifras dadas pola EOXI non se corresponden coa realidade. «Unha cousa son as informacións estatísticas, pero a realidade é outra. Levamos con esta situación un ano e cada vez que falta un médico se tarda meses en cubrilo», afirmou o concelleiro de Sanidade, Javier Caneda. De feito, insistiu, o portavoz do PGD tratou esta mesma semana de pedir cita e non lla daban antes de sete días, «co cal queda demostrado a diferenza entre os datos aportados e a cruda realidade», concluíu Félix Lamas.

O PP acusa ao PSOE de limitarse a airear o problema mentres eles buscan solucións

Todos os grupos políticos levarán ao próximo pleno unha moción conxunta sobre o tema