O Grove, moi satisfeito coa Festa do Marisco

m. a. O Grove / LA VOZ

O Grove

MARTINA MISER

O Concello destaca o ambiente que se viviu baixo as carpas e os eloxios que recibiu pola limpeza do recinto

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Case coas despensas medio baleiras, O Grove despediu o pasado domingo ao mediodía a Festa do Marisco. E fíxoo tras ter esgotado boa parte do produto á venda. Non había xa percebes, nin cangrexo real, nin nécoras, nin camaróns. A concelleira de Cultura, Emma Torres, mostrouse onte moi satisfeita co resultado desta edición porque, a pesar de que non se superaron as cifras da anterior, «hai que recordar que tivemos un día forte menos porque o ano pasado o festivo caeu en xoves», argumenta. De feito, considera que se as condicións fosen as mesmas, batéronse todas as marcas.

A recadación desta edición, 721.000 euros, foi inferior á anterior en 30.000 euros. Aínda así, só de comida degustáronse máis de 91.000 racións, cifra que ascende ata as 151.000 se se teñen en conta outros produtos, como as bebidas. Por produtos, o arroz de mariscos seguiu sendo o favorito, seguido moi de preto polo polbo. E triunfaron tamén as zamburiñas e as navallas, que se esgotaron ao mediodía do domingo.

Torres móstrase satisfeita, sobre todo, «polo bo ambiente que había baixo as carpas. A xente saía moi satisfeita e non había queixas», argumenta. Tampouco incidentes graves, «falamos coa Garda Civil por temas de seguridade e díxonos que nin un incidente e co volume de xente que tivemos iso é todo un logro», engade. Está contenta tamén co resultado dos concertos pois, a pesar das malas condicións meteorolóxicas, a carpa rexistrou un cheo absoluto durante boa parte das actuacións. Ao que considera que habería que darlle unha volta é á carpa dos petiscos. Vendéronse máis que o pasado ano, pero cre que habería que buscar o xeito de implicar máis aos restaurantes.

Procedencia dos visitantes

En canto aos visitantes, a maioría proviña das provincias de Pontevedra e A Coruña. No que ao turismo nacional refírese, Madrid e Asturias eran o lugar de residencia de boa parte dos que acudiron á festa, destacando este ano especialmente a presenza de canarios. No internacional, Portugal volveu levar a palma e notouse un importante repunte dos turistas que chegaron desde o país veciño.