Meis enche a Romaría das Letras Galegas coa música propia de O Trevo, Madialeva e As Lembranzas
MEIS

A cita na Finca de Parga servirá tamén para mostrar o traballo sobre epitafios en galego «Palabra e Memoria»
06 may 2025 . Actualizado á 16:47 h.Meis celebrará o día 17 de maio a segunda edición da Romaría das Letras Galegas dándolle protagonismo á música de raíz feita na casa, por xente do propio concello. A cita é a partir das 11 horas na Finca de Parga onde habilitaranse mesas e unha cantina a cargo do club Zacande para facilitar que as familias poidas pasar alí o día. A música empezará a soar ás 13 horas coas cantareiras Madialeva e despois de comer, ás 18 horas, será a quenda das pandeireteiras de San Lourenzo e do grupo folclórico O Trevo. A guinda poraa ás 20.30 horas o grupos As Lembranzas, que actuarán da man do programa Máis Música da Deputación de Pontevedra e aproveitarán a ocasión para estrear en directo os temas nos que colaboran co rapeiro coruñés Habló Pablo. As asociación mulleres rurais atoparán ese día un espazo para expoñer os seus traballos e «encher de vida» a Finca de Parga, en palabras da alcaldesa, Marta Giráldez.
Quen se achegue á Romaría das Letras Galegas tamén terá ocasión de descubrir a exposición Palabra e Memoria que plasma o uso da lingua galega no ámbito funerario neste municipio. O traballo é froito da investigación de Ana Vázquez, que percorreu os cemiterios do concello e reuniuse coas familias para facer este estudo. A exposición inaugurarase antes, este sábado ás 19.30 horas no centro social de San Martiño, onde ás 19.30 horas descubrirase unha placa conmemorativa.